O home que disparou á súa ex muller, se atrincheirou na súa casa do Grove e se pegou dous tiros, ante 22 anos de prisión

Pontevedra
13 de xullo 2024

O vindeiro martes, 16 de xullo, a Audiencia de Pontevedra xulgará este home por catro delitos por estes feitos de decembro de 2018 e polas máis de dúas décadas anteriores de malos tratos habituais ao seu ex parella. A Fiscalía pediu á Audiencia que o xuízo se celebre a porta pechada

Concentración no Grove contra a violencia machista Mónica Patxot

O vindeiro martes, 16 de xullo, a Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará un home que en decembro de 2018 protagonizou un dos episodios máis graves de violencia machista do Grove ao disparar á súa ex muller e atrincheirarse na súa casa, na que logo se pegou dous tiros. Cinco anos e medio despois, enfróntase a 22 anos de prisión. 

O acusado, José Antonio P.F., estivo dous meses no hospital e logo ingresou en prisión, aínda que xa en 2020 quedou en liberdade á espera de xuízo, entre críticas da súa vítima. Agora, sentará no banco dos acusados da sección cuarta da Audiencia acusado de catro delitos.

A Fiscalía acúsalle dun delito de malos tratos habituais co agravante de que os feitos ocorreron no domicilio da vítima e en presenza da filla menor, un delito continuado de quebrantamento da pena de afastamento, un delito de asasinato con aleivosía en grao de tentativa coa agravante de parentesco e a agravante de xénero e un delito de tenencia de armas prohibidas.

 A Fiscalía pediu á Audiencia que o xuízo se celebre a porta pechada "atendida a  natureza dos feitos axuizados, a fin de evitar os prexuízos que a publicidade da vista puidese causar á persoa ofendida e á súa familia, garantindo o respecto debido ás mesmas".

Os feitos ocorreron o 5 de decembro de 2018. O home tiña en vigor unha orde de afastamento desde o 28 de agosto que lle impedía achegarse a ela por un episodio previo de violencia de xénero. Tras esa orde de afastamento, el regresara a Ourense, de onde era natural, e ela cambiara a fechadura do que fora o domicilio familiar da parella, no que residía, así como o número de teléfono, pero el logrou volver entrar en casa e alí produciuse a brutal agresión, na que resultou ferida no pescozo e a cabeza. 

Aínda que todo iso ocorreu en 2018, o acusado tamén deberá render contas polos malos tratos previos, dos 25 anos de relación, entre 1993 e 2018.

A Fiscalía pídelle 21 anos e 11 meses de cárcere, sendo a pena maior, 14 anos e 11 meses, polo delito de tentativa de asasinato. Por este delito tamén lle pide 24 anos de prohibición de aproximarse á muller, calquera que sexa o lugar no que se atope ou que frecuente, así como ao seu domicilio ou lugar de traballo a menos de 500 metros e prohibición de comunicarse con ela por calquera medio directo ou indirecto.

Engade unha petición de liberdade vixiada durante 10 anos e considera que por este delito deberáselle colocar un dispositivo de control telemático de cumprimento do afastamento fóra de prisión.

Ademais, polo delito de malos tratos habituais durante máis de dúas décadas, pídelle pide tres anos de cárcere, cinco anos de privación do dereito á tenencia e porte de armas, oito anos de prohibición de aproximarse á vítima a menos de 500 metros e prohibición de comunicarse con ela por calquera medio directo ou indirecto. Tamén por este delito pídelle un dispositivo de control telemático tras saír de prisión.

Outros tres anos pídelle polo delito de tenencia de armas prohibidas, ademais de seis anos de privación do dereito á tenencia e porte de armas.

Polo delito de quebrantamento de condena, pide que se lle some un ano máis de cárcere.

Así mesmo, a Fiscalía pide que indemnice á súa vítima con 166.200 euros, 4.000 euros polos días de curación, 1.200 euros por intervención cirúrxica, 41.000 euros por secuelas físicas, 100.000 euros polo prexuízo estético moderado resultante como secuela e 20.000 euros polo dano moral.

Ademais, deberá indemnizarlle polos gastos médicos e a asistencia psicolóxica e pagarlle os 85,32 euros de cambiar a fechadura da porta en dúas ocasións e terá que pagar ao Sergas polo que custou a súa atención.