O home ao que cortaron o pescozo na Seca: "Non se dá conta nin de que son eu. Veume detrás, tívenme que defender"

Pontevedra
07 de xuño 2024

O home de 47 anos atacado nunha casa abandonada relatou na TVG que o atacante estaba bebido. "Non che falo de pingas, fáloche de beber botes enteiros, de tomar cinco, seis, sete e ata dez combinacións con alcol". Relata que "o teléfono non é que o roube, cólleo para que non poida chamar á ambulancia"

A vítima, durante a súa entrevista na TVG Televisión de Galicia

Sucedeu de madrugada, sobre as 1.45 horas do xoves, na casa semiabandonada na que vive no barrio da Seca. Estaba a durmir cando o seu compañeiro o atacou, cortou o pescozo cunha coitela e causoulle unha ferida a escasa distancia da xugular que requiriu 20 puntos de sutura. É a vítima dun ataque que está pendente de aclarar se foi  tentativa de homicidio ou lesións agravadas e este venres contou a súa historia na Televisión de Galicia

O home de 47 anos atacado polo compañeiro de 20 co que compartía casa abandonada relatou na televisión pública que o atacante estaba bebido. 

"Empezo a ver que o rapaz se pasa de máis. Non che falo de pingas, fáloche de beber botes enteiros, de tomar cinco, seis, sete e ata dez combinacións con alcol. Méteas na Coronita, na cervexa, unha tolemia", relata este home, que na madrugada do xoves foi intervido de urxencia no Hospital Montecelo e horas despois recibiu o alta.

Segundo o seu relato, o seu atacante, que xa ingresou en prisión provisional, "non se dá conta nin de que son eu e veu detrás e todo".

Tras atacalo, perseguiuno e asegura: "tívenme que defender" mentres tentaba chamar á ambulancia. 

Segundo as primeiras hipóteses dos investigadores da Policía Nacional, a discusión produciuse supostamente polo uso dun teléfono móbil. A vítima aclara na televisión que, en realidade, "o teléfono non é que o roube, o teléfono cólleo para que non poida chamar á ambulancia".

Dado que non puido chamar á ambulancia desde a casa, saíu fuxindo e parou a unha condutora, "unha moza belga que case me atropela porque se non me meto de fronte, non podo dicirlle nada", Ao verlle, a condutora "ao final frea e veme o tallo". Foi ela a que avisou ao 061 e unha ambulancia levoulle a Montecelo.

O atacante, de 20 anos, foi detido e, tras pasar un día nos calabozos da Policía Nacional, pasou a disposición xudicial e foi enviado a prisión