O grupo socialista critica a "desfachatez" de Rueda ao pedir a transferencia do Pazo de Lourizán

Pontevedra
16 de xuño 2022

O PSOE lembra que a Xunta incumpríu a obriga de manter o inmoble e só pagou 200.000 euros dos 14,2 millóns necesarios para as actuacións imprescindibles de mantemento ás que foron obrigados por sentenza xudicial

A parlamentaria socialista Paloma Castro PSdeG-PSOE

A parlamentaria socialista Paloma Castro criticou este mércores a "desfachatez" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que vén de comunicar o interese da Administración autonómica en pedir a transferencia da titularidade do Pazo de Lourizán. Así o dixo no debate dunha pregunta oral na que lembrou que "o goberno galego estivo incumprindo sistematicamente a obriga de asumir o mantemento do inmoble", de acordo co convenio asinado coa Deputación de Pontevedra en 1991.

A responsable socialista asegurou que o Executivo autonómico só reaccionou logo da demanda xudicial imposta pola Deputación de Pontevedra, que derivou nunha sentenza obrigando ao goberno galego e "sacándolles as cores". 

Paloma Castro incidiu en que "malia a sentenza, o goberno galego apenas destinou 200.000 euros para unha actuación que os técnicos do servizo provincial de Arquitectura estiman nun mínimo de 14,2 millóns de euros só para actuacións necesarias e urxentes".

A socialista acusou ao presidente da Xunta de ter "a cara de cemento armado" ao reclamar agora a titularidade do inmoble logo de "7 anos nos que se fixo o escorredizo diante da Deputación de Pontevedra para non asumir responsabilidades". 

Paloma Castro lembrou que nesa etapa Rueda chegou a anunciar un suposto investimento de 4 millóns de euros por parte de Ence "para lavarlle a cara á pasteira, pero que nunca foron pagados".

O mesmo presidente que, dixo Paloma Castro, "enganou á cidadanía manifestando publicamente que a culpa do deterioro do edificio era da Deputación como propietaria", cando "sabía da súa obriga" asinada nun convenio público entre o ente provincial e a Consellería de Agricultura. Sinalou que "con Rueda todo da moitas voltas pero nada avanza, en Pontevedra o coñecemos ben".