O grupo Brea estuda 4 despedimentos en Catova Pontevedra

Pontevedra
26 de agosto 2014

Os representantes sindicais consideran que a reducción do persoal de 17 traballadores suporá unha baixada na calidade do servizo que presta este concesionario que conta con 10.000 usuarios

Concesionario de Catova en Casas Novas
Concesionario de Catova en Casas Novas

Os 17 traballadores do concesionario de Catova (Mourente) polo momento non van trasladar as súas protestas á rúa á espera do que decida o grupo empresarial Brea que está a acometer un plan de redución de ao redor de 30 traballadores de todo o seu equipo de 117 empregados en España. No concesionario de Mourente son 17 os traballadores e a empresa conta con despedir tres ou catro deles.

Segundo o secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, o número de despedimentos en Pontevedra sería maior proporcionalmente que noutros concesionarios. Ademais, entenden que a redución de persoal tería unha inmediata repercusión na calidade, que esixe a marca Seat, do servizo do concesionario, que conta con 10.000 usuarios.

O grupo Brea si se compromete a manter o concesionario activo e o expediente de regulación comezará a tramitarse a partir de setembro con negociacións que se manterán en Santiago para tratar os despedimentos de xeito grupal.