O Grove e Sanxenxo, en negro contra as violencias machistas

O Salnés
24 de novembro 2020

O habitual programa de reivindicación vinculado á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller o 25 de novembro tivo que ser modificado e adaptado á nova realidade que vivimos nos Concellos do Grove e Sanxenxo

Pancarta na fachada do Concello de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

O habitual programa de reivindicación vinculado á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller o 25 de novembro tivo que ser modificado e adaptado á nova realidade que vivimos nos Concellos do Grove e Sanxenxo.

Así, o Concello do Grove mantense vencellado á campaña "En negro contra as violencias machistas", unha acción colectiva de sensibilización social que xurdiu no ano 2015 en Santiago de Compostela e que, ano a ano, vai medrando e facendo partícipes máis concellos, institucións e sectores.

O goberno local propuxo á veciñanza que amose o seu rexeitamento ás violencias machistas de xeito simbólico, a través das redes sociais ou colgando algo negro nas súas fiestras ou balcóns.

No relativo á habitual concentración na que se gardaba un minuto de silencio e se realizaba a lectura do manifesto, esta ano limitarase a un acto institucional coa presenza da corporación local e o persoal técnico do CIM, así como con representantes do Consello Local de Igualdade, xa que non se pode convocar a veciñanza.

SANXENXO

Pola súa banda o Concello de Sanxenxo compartirá na súa web un vídeo que busca ser un alegato contra a desigualdade e calquera tipo de agresión verbal ou física contra a muller. Baixo o título "Libre como o Mar", a veciña de Noalla, Yolanda Martínez, pon voz e ilustra un vídeo de case tres minutos de duración no que se condena o machismo nas súas distintas variantes e incide na necesaria colaboración de todos para acabar con esta lacra social.

A mensaxe vencellada á ilustración que acompaña o vídeo terá continuidade no municipio xa que será a imaxe elixida para decorar o rocódromo do skatepark de Portonovo. É un mural con motivos mariñeiros que ten como protagonista unha muller.

O Concello de Sanxenxo convocou concentracións diante do consistorio municipal e tamén nas oficinas de Servizos Sociais en Portonovo, nas que se gardará un minuto de silencio en memoria de todas as vítimas de violencia de xénero.

Ademais, emitirá un manifesto institucional condenando calquera acto violento contra a muller e desde este martes dúas pancartas colgan dos balcóns do Concello e da Casa de Don Fernando cos lemas "Sanxenxo pola igualdade" e "Sanxenxo contras as violencias machistas".