O Grove adquire ordenadores portátiles para ceder a estudantes de familias sen recursos

O Salnés
13 de maio 2020

O Concello comezou coa cesión de equipo cando se decretou o estado de alarma, facilitando 18 equipos (portátiles e tablets) que xa eran propiedade do Concello. Dende a Concellería de Educación realizouse un seguemento permanente das posibles necesidades e detectáronse novas demandas

Escolar ante un ordenador Kalamazoo Public Library

O Concello do Grove ten adquirido catro novos ordenadores portátiles coa finalidade de cedelos a aqueles rapaces que os precisen para o seguemento da súa educación dende as casas. O Concello comezou coa cesión de equipo cando se decretou o estado de alarma, facilitando 18 equipos (portátiles e tablets) que xa eran da súa propiedade.

Estes equipos foron facilitados a aqueles nenos que podían verse agraviados na súa formación por esta carencia.

Dende a concellería de Educación realizouse un seguemento permanente das posibles necesidades e detectáronse novas demandas. Este problema está sendo atendido polo Concello e polos institutos, que tamén cederon 40 equipos. Sen embargo dende a Xunta de Galicia tan só se facilitaron seis equipos (tres en cada centro de educación secundaria) o que, segundo valora o Concello, "resulta claramente insuficiente".

Deste xeito téñense adquirido catro novos equipos portátils, tres deles con cargo aos orzamentos municipais e un cuarto cos fondos do premio do concurso de comparsas que cedeu "A Tropa de Moncha A Caralla".

O Concello do Grove lembra que aínda se conta con tablets dispoñibles por se se producen máis demandas e continúa co servicio de reprografía para o material escolar, que neste momento dá servizo a oito familias de xeito personalizado. O obxectivo final é garantir a igualdade de todos os estudiantes no acceso á formación e evitar que se produzan disonancias debido a crise do coronavirus no proceso educativo.

PUNTO LIMPO E MERCADO

Por outra banda, o Concello do Grove informou de que esta semana se ten procedido á reapertura do punto limpo da localidade, adaptándose así ás condicións marcadas na fase 1 da desescalada que permiten a mobilidade das persoas.

Deste xeito a repertura deste espacio realízase no horario habitual: de luns a venres de 17.00 a 21.00 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Ademáis o Concello comeza coa reapertura do mercado municipal e, tal e como indicou, farao escalonadamente. Deste xeito este venres comezarán os postos de productos agrícolas, alimentación e plantas.