O gromo de covid-19 en Oncoloxía do Provincial afecta xa a oito persoas

Pontevedra
20 de outubro 2020

Dúas persoas máis, unha enfermeira e a acompañante dun dos pacientes, súmanse aos seis afectados que confirmara Sanidade polo brote de covid-19 detectado na unidade de Oncoloxía do Hospital Provincial de Pontevedra

Test PCR realizados no Hospital Provincial Mónica Patxot

Dúas persoas máis, unha enfermeira e a acompañante dun dos pacientes, súmanse aos seis afectados que confirmara Sanidade polo brote de covid-19 detectado na unidade de Oncoloxía do Hospital Provincial de Pontevedra.

Así o indicaron a PontevedraViva fontes da área sanitaria, que sinalan que a orixe deste brote estaría na persoa que acudiu ao hospital para acompañar a un dos pacientes.

Os seis pacientes que deron positivo por covid-19, por precaución, foron trasladados á unidade covid que está habilitada en Montecelo. Por agora, todos eles teñen síntomas leves ou son asintomáticos e a súa evolución contrólase de maneira minuciosa.

Tras coñecer o primeiro contaxio, na persoa que visitara o hospital, as autoridades sanitarias activaron un cribado preventivo en todos os pacientes de Oncoloxía, no cal se confirmaron os outros seis positivos.

O oitavo caso ata o de agora é o dunha enfermeira do propio servizo que, como o resto dos seus compañeiros, sometéronse a unha proba diagnóstica como marca o protocolo sanitario.

O resto do persoal sanitario, entre eles todos os médicos, deu negativo, polo menos ata o de agora. A pesar diso, aínda hai varias enfermeiras que seguen esperando polo resultado e atópanse en illamento nos seus domicilios.

A unidade de Oncoloxía non se atopa pechada e mantén a súa actividade. Iso si, tres das habitacións están pechadas para proceder á súa desinfección, como tamén se fixo nas zonas comúns do servizo.

Ademais, vai intensificar a limpeza e desinfección da sala de enfermería e o control de hospitalización do servizo, que mantén a súa continuidade asistencial recibindo controis preventivos de maneira programada.