Nin as previsións de mal tempo nin a choiva que caeu de forma persistente durante toda a mañá lograron desmovilizar aos afeccionados ao Entroido que este domingo tiñan a vista posta en participar no gran desfile de Marín. As precipitacións pararon pouco antes da hora prevista para o evento e finalmente foron miles as persoas que se achegaron ata a vila mariñeira tanto para participar como para asistir como público.
O desfile, un dos máis multitudinarios da comarca cada ano tras o de Pontevedra, superou as previsións e os disfraces e carrozas percorreron o centro da vila entre a avenida de Ourense e o parque Eguren durante máis de dúas horas e media.
A programación de Entroido de Marín continuará este luns 12 de febreiro. Como todos os anos, a partir das 12.00 horas terá lugar a Festa do Merengue na Lameiriña, que estará amenizada por Pousos da Area. Está organizada por Amigos dous rapaces, que tamén organiza a partir das 16.45 horas a festa infantil con verbena na Lameiriña, coa actuación da Orquestra Pontevedra.
O día 13 de febreiro, martes, o Concello de Marín organiza a partir das 17.00 horas a Festa Infantil no Multiusos. Haberá música, animación, sorteos e gardarroupa e a partir das 19:00 horas haberá unha chocolatada. O Ateneo Santa Cecilia organiza o concurso de orellas e filloas. Os interesados terán ata as 19.00 horas para participar.