O "gran avance" en igualdade do módulo mixto da Lama centra a celebración do día da Mercé

A Lama
24 de setembro 2019

Unha proxección audiovisual repasou os primeiros meses de actividade do novo módulo mixto que se abriu en decembro de 2018, e Teresa Delgado e Maica Larriba, centraron os seus discursos en glosar as bondades da iniciativa, que cando se puxo en marcha, era pioneira en Galicia e unha das poucas de toda España  

Celebración do Día da Mercé no centro penal da Lama Cristina Saiz

O "gran avance" en materia de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres que deu o centro penal da Lama coa posta en funcionamento do primeiro módulo de respecto mixto dunha prisión galega protagonizou este martes os actos conmemorativos do Día da Mercé, patroa das Institucións Penitenciarias. 

Unha proxección audiovisual repasou os primeiros meses de actividade do novo módulo mixto que se abriu en decembro de 2018, e tanto a directora do centro, Teresa Delgado, como a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, centraron os seus discursos en glosar as bondades da iniciativa, que cando se puxo en marcha era pioneira en Galicia e unha das poucas de toda España e volveu a situar A Lama como unha prisión de referencia no traballo pola reinserción e a igualdade.

Ante un salón de actos a rebordar, Teresa Delgado fixo balance do último ano e destacou este módulo de respecto mixto como un dos feitos máis relevantes, pois supuxo crear un espazo de convivencia e respecto ao que poden acceder homes e mulleres, dando ás mulleres a posibilidade de entrar nos programas educativos que promoven

A Lama ten unha media similar ao resto de prisións españolas, con 93% de homes fronte ao 7% de mulleres, de modo que non había suficientes internas para crear un módulo de respecto feminino e estábaselles privando desa oportunidade, de modo que ser muller e interna supoñía, tal e como lembrou a directora, "unha dobre discriminación"

Teresa Delgado recoñece que "queda moito por facer en perspectiva de xénero", pero o paso adiante foi decisivo. Quixo citar a Vitoria Kent, referente do feminismo que, na súa etapa como Directora Xeral de Prisións afirmou: "a muller delinque pouco, pero sofre un castigo mil veces máis duro que o home. Eu vin cárceres de mulleres e son un espectáculo de horror. Primeiro arranxar cárceres para mulleres; o meu criterio é de absoluta igualdade". Segundo asegurou, con políticas como este módulo mixto "propoñémonos que esta frase quede no pasado". 

Maica Larriba, que presidiu o acto celebrado na mañá deste martes no centro, tamén insistiu en que este módulo foi "pioneiro" e converteuse en "un exemplo" en Galicia e en moitas prisións do resto de España e destacou a súa aposta pola corresponsabilidade na xestión e por garantir a integración e avanzar cara ao fin último das prisións, o regreso dos internos á sociedade. 

Así, Larriba lembrou o articulo 25.2 da Constitución Española, que recolle que as penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán orientadas cara á reeducación e reinserción social". É, segundo o seu punto de vista, "o principal labor da institución penal" e "calquera outro resultado sería un fracaso colectivo como sociedade". 

O acto serviu para recoñecer o traballo de seis funcionarios que cumpren 25 anos traballando na Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias. Trátase de Eloy e José Antonio, encargados de Interior; Carlos, funcionario de Interior 2; Pablo, educador do centro; Javier, administrador do centro; e María Dolores, funcionaria da área mixta, que recibiron mencións honoríficas por desempeñar o seu traballo "satisfactoriamente".

Ademais, foron recoñecidos coa Medalla de Bronce ao Mérito Social Penitenciario Alfredo Arias Alonso e Juan José Díaz Lorenzano, xefes de servizo na Lama, pola súa "dilatada traxectoria profesional"; a médica de Fremap no centro, Ana Moure; e Juan Carlos Villar Pérez, director do programa Nelson Mandela na Lama, pola súa "vocación docente".

Teresa Delgado mostrou a súa gratitude por "a dedicación e o traballo" de todo o persoal do centro. Agradécelles a todos o "esforzo tenaz" a pesar da "dificultade e dureza do traballo en Prisións". Grazas ao seu "traballo e empeño", asegurou, a prisión pontevedresa "continúa sendo un referente no sistema penal español". Tamén Maica Larriba agradeceu a todo o persoal do centro o seu traballo diario que converteu A Lama en "un centro modélico" que "serviu de exemplo para Institucións Penitenciarias do noso país".  

No acto tamén participaron o fiscal xefe da Audiencia de Pontevedra, Juan Carlos Aladro; a comisaria provincial da Policía Nacional, Estíbaliz Palma, o coronel xefe da Garda Civil, Simón Venzal; o subdelegado de Defensa, o coronel Angel de Miguel; e representantes dos concellos de Ponte Caldelas -o alcalde, Andrés Diaz- e A Lama -o tenente de alcalde, David Carrera-.