A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a modificación da base reguladora catorce do Plan Concellos 2017 co obxectivo de que "os municipios poidan investir, de forma inmediata, as achegas que a institución provincial lles proporcionou ao abeiro do plan", tal e como informou a presidenta Carmela Silva
Esta modificación da base do plan, que se elevará ao vindeiro pleno da Deputación de Pontevedra para a súa ratificación, xorde con motivo de posibilitar que os concellos poidan reparar canto antes os danos causados pola vaga de lumes nas infraestruturas e equipamentos municipais.
Deste xeito, o cambio que se recolle nas bases reguladoras do Plan Concellos 2017 como circunstancia excepcional, incluirá, textualmente, "a reparación dos danos causados pola vaga de lumes de outubro de 2017 dentro do termo municipal nos seguintes elementos: infraestruturas municipais, bens, maquinaria e equipamento municipal e infraestruturas locais de abastecemento de auga".