O goberno provincial mobiliza 1,2 millóns de euros en materia de deporte, benestar social e investimentos nos concellos

Pontevedra
12 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, compareceu este venres en rolda de prensa para dar conta dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Provincial  

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, compareceu este venres en rolda de prensa para dar conta dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Provincial na que se mobilizaron 1,2 millóns de euros en materia de deporte, benestar social e investimentos nos concellos.

Segundo informou Luis López, a administración provincial segue apostando por celebrar a Copa Deputación coa firma dun convenio de colaboración coa Federación Galega de Fútbol á que achegará 120.000 euros para esta competición feminina e masculina.

A Federación abonará aos clubs os importes por participar, que van dos 300 aos 800 euros. A Deputación sufragará os gastos asociados ás arbitraxes e dos premios.

Luis López recordou que na Copa masculina están participando todos os equipos da provincia, adscritos ás delegacións de Pontevedra, Santiago e Vigo, inscritos nas distintas divisións da categoría afeccionados de ámbito autonómico, e, pola súa banda, na feminina os equipos da categoría sénior feminino de ámbito autonómico adscritos ás mesmas delegacións.

O goberno provincial tamén aprobou as bases do programa +Benestar, dotado con 220.000 euros co obxectivo de facilitar o acceso ao turismo de saúde ás persoas maiores. Haberá estancias de seis días e cinco noites nun hotel con balneario, talaso, spa ou instalacións similares na provincia. Os beneficiarios deste programa serán 2.127 persoas maiores de 55 anos empadroadas na provincia: 2.097 prazas de réxime xeral e 30 de réxime especial.

Por último, aprobáronse preto de 900.000 euros do Plan +Provincia.

Concretamente, dentro da liña 1 deste plan, destinada a investimentos, serán 70.000 euros para que Barro mellore unha estrada municipal en Bretoña, outros 70.000 euros para pavimentar e ampliar a rede de pluviais nos camiños de Cachafeiro e de O Castaño, en Poio; e máis de 40.000 euros para a subministración dunha furgoneta e dun furgón para o Servizo de Obras de Caldas de Reis.

Ademais, a Deputación financiará na súa totalidade con fondos provinciais procedentes do PON2030 e do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, actuacións en Catoira, Fornelos de Montes, Moraña, As Neves, Salvaterra do Miño e Valga.