A Deputación de Pontevedra debaterá no Pleno ordinario deste mes de xaneiro unha moción asinada polos grupos de Goberno (PSdeG-PSOE e BNG) pola que esixe á Xunta de Galicia un Plan de Rescate da hostalería e do resto dos sectores afectados pola pandemia de Covid19 nun marco de colaboración interadministrativa.
A Deputación adianta a súa vontade de sentarse nunha mesa institucional e de achegar recursos para unha liña de axudas "na mesma porcentaxe sobre o presuposto provincial que a que aplique a Xunta sobre o seu orzamento 2021".
A moción tamén insta á Xunta de Galicia a adoptar o "modelo alemán" para que ante calquera nova restrición que se adopte se inclúa no mesmo decreto sanitario o importe das axudas para os sectores profesionais afectados a fin de que poidan facer fronte ás consecuencias económicas que supoña cada decisión.
A maiores, reclama que tódalas axudas poidan repartirse cun procedemento urxente, áxil e sinxelo.
No texto destácase a operatividade deste modelo implantado en Alemaña, onde tódalas medidas sanitarias van acompañadas de axudas inmediatas aos sectores económicos afectados. Considérase que este debe ser o exemplo a seguir por parte da administración autonómica, "que é a competente para ordenar as restricións e tamén a que ten ao seu dispor os recursos para facer efectivas as axudas".
O texto inclúe tamén a esixencia dos sectores afectados de que a Xunta bonifique ou elimine o tramo autonómico do IRPF e os canon do lixo, da auga, e o eólico.
Do contido da moción foi informada a directiva da asociación de hostaleiros da comarca de Pontevedra, Hoempo, que se reuniu cos deputados Carlos Font e Santos Héctor que expresaron a súa solidariedade e apoio ás reivindicacións que o sector está a facer á Xunta de Galicia correspondentes ás súas competencias.