O goberno municipal deseña o 'Marín do futuro' a partir dun novo plan de mobilidade urbana

Marín
03 de novembro 2020

O plan, segundo destaca o goberno municipal, permitirá identificar as necesidades existentes e os obxectivos xerais de cara a planificar, programar e coordinar as novas actuacións que se desenvolvan no futuro, coas que favorecer a mobilidade e a accesibilidade en Marín

Obras de reforma urbana na Avenida de Ourense

Algo máis de 65.000 euros destinará o Concello de Marín ao deseño do seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible, un documento que terá que sentar as bases para o futuro do municipio.

O plan, segundo destaca o goberno municipal, permitirá identificar as necesidades existentes e os obxectivos xerais de cara a planificar, programar e coordinar as novas actuacións que se desenvolvan no futuro, coas que favorecer a mobilidade e a accesibilidade en Marín.

A súa elaboración entra dentro da EDUSI Marín 2020, o proxecto que está cofinanciada nun 80% polos fondos europeos FEDER.

Os proxectos que xa están incluídos nesta estratexia xa supoñen cambios para a mobilidade do municipio coa creación de novos espazos para a cidadanía, a habilitación dun carril bici na Avenida de Ourense, a recuperación do Paseo Alcalde Blanco ou a creación de miradoiros.

Coa redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, sinalan desde o Concello, "ponse a vista un pouco máis lonxe" apostando por unha economía sostible, promovendo o crecemento, a competitividade, o emprego e a inclusión social ou a igualdade entre homes e mulleres. 

A xestión dos desprazamentos rodados no centro urbano, a reorganización e optimización do espazo dedicado a estacionamento, a aposta polo transporte urbano, a redución do uso do vehículo privado ou a xeración de escenarios máis competitivos para o comercio e a hostalaría serán accións que abordará este documento.