O goberno local de Soutomaior cre que a liquidación do orzamento municipal "avala" a súa "boa xestión económica"

Soutomaior
22 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O goberno local de Soutomaior presentou este xoves, en pleno ordinario, a liquidación cun resultado orzamentario de 6.438.000 euros e un saldo positivo de 464.000 euros

Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior celebrou este xoves o seu pleno ordinario onde se deu conta da liquidación orzamentaria cun resultado de 6.438.000 euros e un saldo positivo de 464.000 euros.

O grupo do BNG sinalou que cando accedeu ao goberno local o anterior executivo municipal "xa gastara máis de medio millón de euros máis do que había orzamentado para todo o ano".

O Bloque asegurou que "as políticas de eliminación de gasto superfluo, contención do gasto e deseño de investimentos estratéxicos permitiu presentar unha liquidación despois de 9 meses de goberno na que se contempla un remanente de tesourería de 1.719.000 euros".

Os nacionalistas cren que a ratio de liquidación reflicte "datos que avalan a boa xestión económica do goberno de Soutomaior".  Ademais sinalaron que se está a producir un incremento importante do gasto por habitante á vez que nestes meses reduciuse o 0,17% dos gastos correntes. 

Neste sentido Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, sinalou que "Soutomaior tiña uns gastos correntes moi elevados o que dificultaba a dispoñibilidade de crédito para necesitades do concello". 

Lourenzo continuou afirmando que "o novo goberno local iniciou xa o camiño de redución do gasto corrente ao tempo que estamos a facer un maior esforzo inversor que se incrementou nestes meses nun 0.33%".

Con estas cifras sobre a mesa Manu Lourenzo ten claro que "estes datos desmontan algunhas das afirmacións que viña facendo a oposición do Partido Popular e referendan unha política económica do Goberno de Soutomaior que reduce gastos innecesarios, adica máis diñeiro aos investimentos e aposta por dotar ao concello de máis servizos e de mellores condicións para os seus traballadores".