O goberno local de Poio presenta un plan para garantir un reparto "transparente, obxectivo e eficiente" das subvencións

Poio
13 de febreiro 2024

O alcalde Ángel Moldes e os concelleiros de Festexos e Cultura, Fran da Silva e Natalia Sabarís, reuníronse con representantes dos colectivos para explicar as novidades das axudas para fomentar a organización de eventos lúdicos

Xuntanza para explicar o "Plan estratéxico de subvencións" Concello de Poio

O Concello de Poio ten previsto aprobar este mes o novo "Plan estratéxico de subvencións" para o período 2024-2026, que pretende establecer as liñas para axudar e facilitar todas as iniciativas, actividades e programas que desenvolven os diferentes colectivos e entidades locais, no eido da cultura, do deporte, educación, igualdade, servizos sociais ou medio ambiente, e "asegurar un reparto transparente, obxectivo e eficiente na concesión e xestión destes fondos". 

Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, o orzamento municipal deste ano incrementa en case un 8% a partida destinada a apoiar todo o tecido asociativo de Poio, "nunha clara aposta para poñer en valor e garantir a actividade que estes colectivos organizan ao longo de todo o ano e que repercute, de xeito directo, nunha mellora da calidade de vida e benestar da veciñanza". 

O alcalde Ángel Moldes, acompañado polos edís de Festexos, Fran da Silva, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, así como do técnico municipal, reuniuse este luns con representantes de diferentes colectivos para explicar as principais novidades no eido das axudas destinadas para a promoción e o desenvolvemento das actividades lúdicas. 

No encontro informaron que estas axudas repartiranse por concorrencia competitiva, polo que calquera asociación, colectivo ou entidade que queira organizar unha actividade e aspire a recibir algunha axuda do Concello de Poio, deberá presentar un proxecto conforme ás bases e "valorarase cuns criterios obxectivos e exactamente iguais para todos".

Nesta liña, explicaron que están rematando a redacción das bases destas subvencións, que deberán aprobarse en pleno, e avanzaron que estableceranse dúas liñas de axudas, unha para actividades lúdicas, na que se inclúen certames, encontros, festivais musicais, festas patronais e parroquiais, gastronómicas ou calquera outro tipo de eventos, e unha segunda liña destinada especificamente para apoiar a realización de magostos que polo seu arraigo se levan a cabo nas diferentes parroquias.

O Concello de Poio destinará este ano 64.100 euros para a promoción e o desenvolvemento das actividades lúdicas. A través da liña 1 repartiranse 58.100 euros, subvencionando un máximo do 60% do custo do evento, e para os magostos reservaranse 6.000 euros, subvencionando como máximo 600 euros por cada un.

Nos últimos anos, o departamento de Intervención indicou a necesidade de corrixir as subvencións en especies, isto é, os gastos que o concello aprobaba como propios pero que se ocasionaban nas actividades organizadas por colectivos e que incluían desde alugueiro de carpas, ata valos, actuacións, son, iluminación ou dotación doutros materiais de diversos tipos.