O goberno local de Moraña estuda medidas para conceder axudas económicas a comercios, hostalaría e autónomos

Umia
29 de abril 2020

A alcaldesa Luisa Piñeiro informou ao BNG e ao PSOE das medidas adoptadas durante a crise sanitaria e anunciou un plan de reactivación comercial con campañas promocionais, ademais da dotación de axudas para tentar minimizar os danos sufridos por diferentes empresas do municipio

Moraña Concello de Moraña

A reactivación comercial é un obxectivo que quere comezar a fomentar o Concello de Moraña. Por este motivo, a alcaldesa Luisa Piñeiro quere que se analicen as diferentes opcións para os comercios, a hostalería e os autónomos que se viron prexudicados economicamente polo estado de alerta provocado polo Covid-19.

A rexedora comunicou esta decisión aos representantes dos grupos municipais do BNG e do PSOE, Marcos Suárez e Diana Pereira, na Xunta de Voceiros para indicarlles que o Concello puxo en marcha unha vintena de medidas no ámbito social, sanitario, económico e municipal para facer fronte á crise sanitaria.

A intención agora é que se busque unha fórmula para axudar a aqueles empresarios que pecharon a súa actividade durante estas datas sufrindo importantes perdas na facturación e no volume de negocio.

Piñeiro afirma que se estudan agora as opcións para realizar axudas dentro do marco legal para implantalas a medida que se vaia producindo a desescalada, anunciada polo presidente do Goberno.

A intención é colaborar con veciños que realmente precisan a axuda sen deixar de lado "a absoluta responsabilidade no manexo do diñeiro público", apuntou a alcaldesa. Ademais, anunciou na Xunta de  Voceiros que se vai a levar a cabo un plan de reactivación económica e comercial, a través de campañas de promoción e outras medidas que permitan recuperar a actividade empresarial ao longo de todo este ano.