O goberno local do Concello de Marín saíu ao paso das críticas da oposición "despois das falsidades e informacións mal intencionadas que se están a verter respecto das obras executadas na Piscina Municipal de Marín".
O equipo de goberno da alcalde Marín Ramallo sinala que as obras realizadas o ano pasado cunha inversión de 604.000 euros, procedentes dunha subvención da Deputación de Pontevedra, "foron perfectamente executadas, rematadas e recepcionadas".
Estas obras consistiron na mellora da instalación naqueles puntos máis críticos que presentaba polo paso do tempo. O executivo local marinense manifesta que "suxerir ou poñer en dúbida o correcto uso dos fondos adicados a este fin, perfectamente auditados e fiscalizados tanto polos servizos técnicos do Concello como dos da Deputación de Pontevedra, como administración subvencionadora da contía investida, é dunha baixeza política nunca vista na nosa vila".
O obxecto das obras e melloras levadas a cabo no centro foron as actuacións sobre as fachadas, cubertas, estruturas metálicas (cerchas) e interior de vestiarios e ximnasios, de cara a mellorar e preservar o actual estado da instalación. Contemplouse, ademais, a retirada dos paneis solares fóra de uso.
"As actuais críticas que está a verter a oposición mezclan cuestións de mellora e mantemento da instalación que, se leran e coñeceran o expediente do proxecto, saberían perfectamente que non estaban incluídas no mesmo", puntualizan.
"Nin o aire acondicionado, nin a reparación do ascensor, nin a posta en marcha do jacuzzi ou a sauna, así como a renovación completa dos vestiarios estaban dentro deste proxecto". Sobre todas estas melloras, o Concello de Marín di ser "plenamente consciente" e asegura que "seguirase buscando financiación, pero non era viable metelas dentro do proxecto realizado porque decidiuse priorizar na subvención aqueles arranxos máis urxentes".
Con respecto á maquinaria da sala fitness, á que a oposición tamén fixo mención, tampouco entraba no proxecto executado pero o Concello anuncia que xa conseguiu unha nova subvención da Deputación de Pontevedra por valor de 25.000 euros para adquirir esta maquinaria. A súa dotación xa foi adxudicada a unha empresa que surte deste tipo de equipamento.
Respecto da aparición de pingueiras nos vestiarios, o Concello de Marín asegura que "a súa orixe non ten que ver coa execución da obra" e afirma que "aproveitarse dun problema puntual sen nin tan sequera saber a razón de que se produza é outro erro grave que comete a oposición nas súas acusacións". Aclaran que a orixe desa filtración é un sumidoiro do exterior das instalacións, que se atopa no espazo público e no que se produciu unha avaría, tal e como certificaron os servizos técnicos municipais nunha visita este mércores á piscina. "A avaría será reparada á maior brevidade posible polos operarios da Brigada municipal".
Por último, engade o goberno local que "dicir que o Concello de Marín non quere investir na piscina municipal é faltar enormemente á verdade. Hai apenas uns meses sacouse de novo a licitación da súa xestión, un contrato de 2 millóns de euros que recaeu de novo na empresa Soom Management polos próximos cinco anos".
Este contrato cambia con respecto ao anterior. Antes era unha concesión, onde a empresa adxudicataria (Soom) tiña por obligación realizar o mantemento e as reparacións pertinentes, así como de cobrar as cuotas de socio. O Concello entendeu que ese modelo de contrato non era rentable polos enormes gastos que ten unha instalación coma esta e por iso, o Concello optou nesta nova licitación por un contrato de servizo, que libera á empresa adxudicataria (de novo, Soom) das tarefas tanto de mantemento como de cobro de cuotas e no que se recolleu a subrogación de toda a plantilla que anteriormente traballaba na piscina, para que puideran seguir facéndoo fose cal fose a empresa que gañara a licitación.
Con este cambio de modelo de xestión, polo tanto, será preciso aprobar un novo prezo público, que entrará en vigor no inicio do 2025, momento no que xa se contará coa nova maquinaria instalada. Así, apunta que "ata decembro, nin se están cobrando nin se cobrarán as novas cuotas, que oscilarán nunha subida en torno aos 5 euros e nos homologarán aos prezos das piscinas doutros concellos da contorna".