O goberno local cualifica de "crime contra a Ría de Pontevedra" a solicitude de prórroga presentada por ENCE

Pontevedra
21 de agosto 2015

A solicitude da pasteira presentouse o pasado 31 de xullo e agora o Estado ten tres meses para comunicar a súa decisión na que se terá en conta o informe "preceptivo aínda que non vinculante" da Xunta de Galicia

Fábrica de Ence Mónica Patxot

O Grupo Ence volveu presentar ante o Ministerio de Medio Ambiente a súa solicitude de prórroga da concesión da fábrica en Lourizán, unha nova que para o goberno local constitúe un "crime contra a Ría de Pontevedra".

A solicitude da pasteira presentouse o pasado 31 de xullo e agora o Estado ten tres meses para comunicar a súa decisión na que se terá en conta o informe "preceptivo aínda que non vinculante" da Xunta de Galicia.

A tenente de alcalde e concelleira de urbanismo, Carme da Silva, saíu en rolda de prensa para "facer un chamamento a toda a sociedade para que non se quede quieta e estea atenta, porque non imos dar a batalla por perdida".

Carme da Silva mostrou a súa confianza en que "algún día se saiba o que están negociando Ence e Elnosa co Partido Popular porque están a poñer toda a maquinaria ao servizo de Ence".

O Concello de Pontevedra ten previstó recorrer en vía xudicial a resolución de Costas na que ratifica a legalidade da concesión da pasteira. Para iso ten de prazo ata o 5 de outubro, aínda que antes o goberno local interpoñerá un requirimento previo de anulación en vía contencioso administratitiva "para que non se perpetre o acordo de Estado".

O tenente de alcalde pontevedresa tamén fixo un chamamento ao goberno de Núñez Feijóo para que "utilice as demais competencias que ten en materia de ordenación do territorio para impedir que se poida manter eternamente Ence na ría".

Deste modo Carme da Silva instou á Xunta a que "exerza as súas competencias a favor dos cidadáns e non para o beneficio dunha empresa que é o que fixo ata agora".

Ademais de "seguir loitando con todos os medios legais ao noso alcance", Carme da Silva sinalou que fundamentalmente se necesitará a mobilización de "todos os medios sociais", porque "é dramático o que o PP quere para o Concello de Pontevedra".

Finalmente Carme da Silva afirmou que "a fábrica de Ence construíuse durante o franquismo en contra da poboación, intentaron consolidala durante o fraguismo en contra da poboación e agora queren eternizala, son os mesmos cans con distintos colares. A dereita, o Partido Popular traballando ao servizo desta empresa".