O goberno local continúa o seu labor "evanxelizador" do modelo de cidade

Pontevedra
20 de marzo 2018

Varios membros do goberno municipal de Pontevedra continúan esta semana divulgando polo mundo o modelo urbano seguido pola cidade do Lérez

Conferencia de Miguel Anxo Fernández Lores na feira Mextrópoli Concello de Pontevedra

Varios membros do goberno municipal de Pontevedra continúan esta semana divulgando polo mundo o modelo urbano seguido pola cidade do Lérez.

Así, ante un auditorio de arredor 2.000 persoas (a gran maioría profesionais do urbanismo e da arquitectura e estudantes), o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores ofreceu este martes unha conferencia sobre a Boa Vila no foro Mextrópoli, que se desenvolve no Teatro Metropólitan de Ciudad de México.

Na súa intervención, de media hora de duración, o alcalde non quixo dar receitas de como crear unha cidade para todos porque "cada unha ten que seguir o seu propio camiño", pero si que defendeu que "todos coincidimos en querer crear cidades sostibles".

O "modelo Pontevedra" é un dos tres casos prácticos de transformación urbana que se van analizar e debater este martes no encontro "Repensando o espazo público" que organiza ASA (Asociación Sostenibilidad y Arquitectura).

Neste caso, será a tenente alcalde, Carme da Silva, a que faga a exposición en Madrid xunto ao arquitecto Emilio Hormias Laperal que falará da experiencia de Bellvitge e de Canyelles (Barcelona) e o enxeñeiro-urbanista Carlos Corra do departamento de Mobilidade do Concello de Madrid que presentará o Paseo Eje Norte- Sur Prado-Recoletos-Castellana.