O goberno local confirma a veciños e comerciantes do centro histórico que non modificará o Peprica

Pontevedra
19 de abril 2024

"Non imos devolver o centro histórico aos anos noventa". Así de rotundos se mostraron a tenente de alcalde, Eva Vilaverde e o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, que mantiveron un encontro coa asociación de veciños Santa María e co centro comercial urbano Zona Monumental

Xuntanza do goberno local con veciños e comerciantes do centro histórico Concello de Pontevedra

"Non imos devolver o centro histórico aos anos noventa". Así de rotundos se mostraron a tenente de alcalde, Eva Vilaverde e o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, que mantiveron un encontro coa asociación de veciños Santa María e co centro comercial urbano Zona Monumental.

Foi a raíz da pretensión expresada por parte dos grupos municipais do PP e do PSOE de modificar o plan especial do centro histórico, o coñecido como Peprica.

Os edís do BNG aseguraron que ese cambio normativo estaría impulsado pola intención de "dar cobertura a accións ilegais e ilegalizables" feitas por algúns establecementos do lecer nocturno. 

O goberno local deixou claro tanto a veciños como a comerciantes que non se modificará o Peprica con ese obxectivo, xa que entenden que "suporía perder a harmonía da convivencia acadada en máis de vinte anos de transformación".

Os representantes municipais escoitaron as peticións dos residentes que se resumiron en facer unha aplicación máis rigorosa do Peprica para manter un centro histórico vivo, unha petición na que o grupo de goberno, segundo Vilaverde e Oubiña, está en "absoluta sintonía".

Veciños e comerciantes lograron reunirse tamén cos representantes do Partido Popular, encabezados polo seu portavoz, Rafa Domínguez, que son os que levarán ao pleno deste luns unha moción para solicitar a modificación urxente do plan de protección do centro histórico.

Domínguez, ao remate desta xuntanza, asegurou que fora un encontro "enriquecedor" que achegou aos populares outro punto de vista sobre as "deficiencias y problemas" que se están xerando no centro histórico pontevedrés.

"Vamos a seguir hablando e intentando solucionar los temas de un centro histórico que cada día pierde población, que cada vez tiene menos gente y que cada vez está más deteriorada", sinalou o líder do PP pontevedrés.