O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, asegurou que o Concello de Pontevedra esquivou o "colapso total" ao aminorar o impacto da non aprobación dos orzamentos despois de reter os cartos "suficientes" para facer fronte a todas as cuestións fundamentais até a entrada en vigor do novo orzamento, previsiblemente en marzo.
Raimundo González compareceu este venres en rolda de prensa para ofrecer unha explicación detallada das retencións de crédito realizadas por mor da situación orzamentaria actual do Concello e Pontevedra.
Como consecuencia do rexeitamento no pleno da cuestión de confianza planteada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores que levaba aparellada a aprobación da proposta de orzamento 2024 do Goberno Local houbo que analizar de xeito exhaustivo a prórroga do orzamento 2022.
O concelleiro de Economía e facenda explicou que por parte dos servizos económicos, fundamentalmente o órgano de xestión orzamentaria, fíxose un traballo "duro e complexo, difícil tamén e moi laborioso".
Raimundo González sinalou que os primeiros datos "conducían ao colapso total do Concello e isto non é algo inventado, e tan real como se pode comprobar nos datos".
Así, González lembrou que o orzamento prorrogado é de 74.242.074 euros, habendo xa uns gastos comprometidos, "tirando por abaixo", de 62.694.014 euros, o que deixa unha diferencia de 11.548.059 euros. Os gastos comprometidos saen do gasto de persoal e dos gastos en bens e servizos.
"Eses 11,5 millóns eran os cartos que nos quedaban para facer fronte a outros gastos, e as necesidades de crédito que tiñan os servizos xa eran de 15 millóns de euros", destacou. "É dicir, que se fixésemos fronte a todos os compromisos non nos quedaría nin un céntimo, nin un lapis poderíamos mercar. Sería o colapso total do Concello", insistiu o edil nacionalista.
Analizadas as necesidades de financiamento, aplicáronse as "minoracións de partidas", isto é, as partidas do ano pasado que este ano son menores, no proxecto de orzamento, aproximadamente unhas setenta. O resto serían 11,5 millóns de euros que debían ser procurados nas distintas partidas disponibles, retendo na maioría das veces, o 100 % das mesmas como é o caso da Feira Franca, o concerto con entidades deportivas, a organización de eventos culturais ou as distintas subvencións.
Doutra banda, González indicou, nun sentido práctico, "que todos aqueles compromisos que non fosen ineludíbles foron pospostos até marzo".
Ademásis o goberno local dotou de crédito para unha parte, outra foi posposta e outra quedou "paralizada". "Son como tres decisións simultáneas vendo que temos que reter e non hai máis remedio, aquelas cousas que poden esperar un chisco e outras cuestións que hai que paralizar si ou si", dixo.
Seguindo coa súa explicación, González Carballo sinalou que se retén crédito das xa nomeadas partidas para facer serie a toda unha serie de contratos como o de enerxía eléctrica, o 50 % de incremento da masa salarial ou os proxectos de reforma da rúa Santiña.
"Houbo unha situación na que o Concello estivo preto do colapso total, xa que se realmente retemos todo o que habería que reter, non teríamos nin para pipas, falando en prata", finalizou.
Con esta solución para "aminorar en parte este impacto" o concelleiro recoñeceu que "non queda arranxado o problema, mais si logramos avanzar algo e manter proxectos esenciais e cousas fundamentais" coma o Entroido ou os comedore escolares e outras cuestións relacionadas con asuntos sociais.
González quixo subliñar que istro si traerá unha "ralentización severa" no Concello de Pontevedra, evitable no seu momento, e que adiará diversos proxectos e xerará un atasco administrativo no futuro unha vez se aprobe o novo orzamento.