O goberno local aproba en pleno a conta xeral de 2018 e un recoñecemento extraxudicial de crédito

Ponte Caldelas
07 de febreiro 2020

Mentres o goberno de Andrés Díaz presume de mellorar as condicións laborais e económicas do persoal municipal, el PP vota en contra da conta xeral de 2018 por presentar reparo de intervención no 96% do gasto total, un remanente negativo de tesourería de 213.887 euros e un déficit orzamentario dun millón de euros

Pleno en Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Este venres 7, Ponte Caldelas celebraba un pleno extraordinario de carácter urxente para aprobar a conta xeral de 2018 e un recoñecemento extraxudicial de crédito, cun informe de Intervención, que para o goberno local do socialista Andrés Díaz certifica a boa solvencia económica do Concello e certifica que a administración local está a cumprir coa estabilidade financeira e a regra de gasto.

Segundo Andrés Díaz, a pesar das dificultades que houbo por falta de interventor a mediados de 2019, o ano concluíu con boa saúde económica porque o  Concello finalizou con 4.896.801 euros de recadación e 4.549.354 euros de gasto. Para o rexedor foron unhas contas históricas cunha liquidez de 681.199 euros.

Acusa o PP e o BNG de mentir e dicir barbaridades no momento en que faltou o interventor. "Parece que molesta que Ponte Caldelas creza, progrese e avance", afirmou o alcalde. E manifestou que se enfronta á oposición "máis destrutiva da historia de Ponte Caldelas" criticando que o PP e o BNG formen unha "estraña alianza".

No pleno aprobáronse as melloras nas condicións laborais e económicas dos traballadores municipais acordadas cos representantes sindicais, con subidas salariais e unha maior cobertura sanitaria para o persoal e os seus fillos. O alcalde sinala que agora se paga segundo convenio, con condicións e salarios dignos, tanto para traballadores municipais como para contratados a través de plans de emprego. O PP e o BNG abstivéronse nesta votación.

CRÍTICAS DO PP

Pola súa banda o PPdeG de Ponte Caldelas votaba en contra da conta xeral de 2018, que foi presentada por urxencia cando o prazo finalizaba o pasado 15 de outubro, alega Antón Xil, portavoz popular. 

Critican que presenta un reparo de Intervención do 96% do gasto total do Concello, ao redor de 3.361.304 euros dos 3.509.713 euros que presenta o orzamento de 2018. Sinalan que o remanente negativo de tesourería é de 213.887 euros e o déficit orzamentario achégase ao millón de euros.

Os populares lamentan que o grupo de goberno levase un recoñecemento extraxudicial de débeda de case 700.000 euros en facturas sen pagar e o informe de Intervención no que se indica que o último trimestre de 2019, o Concello deixou facturas pendentes de pagar de 1.033.920 euros. Estes datos, segundo Xil, mostra unha nefasta xestión económica de Andrés Díaz.

En canto á modificación da Relación de Postos de Traballo ( RTP) para o 2020, Antón Xil recriminou ao alcalde que a pesar de contar con maioría absoluta tampouco foi capaz de presentar uns orzamentos para o 2020 en condicións antes do 31 de decembro de 2019 para dar cobertura legal a estas  inciativas, alegando que foi informada con reparo pola Intervención. E sinala que o orzamento da corporación prorrogado para 2020, non recolle créditos necesarios para a aplicación da modificación proposta.

O PP tamén se sorprende porque agora na RPT aparece a creación do Centro de Información á Muller (CIM) que fora suprimido no anterior mandato provocando o despedimento de dúas traballadoras que, tras sentenza xudicial, tiveron que ser readmitidas como persoal laboral fixo.