O Goberno financiará a exhumación dunha fosa de vítimas da Guerra Civil en Tenorio

Cerdedo-Cotobade
02 de xullo 2021

É a primeira vez que un goberno habilita axudas directas ás comunidades autónomas para as actividades de procura e identificación de persoas desaparecidas durante a Guerra Civil ou a represión política posterior

Exhumación, por parte da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), dun fosa de represaliados da Guerra Civil española Archivo fotográfico Foro Cultural Provincia de El Bierzo (FCPB)

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou este venres que o Executivo apoiará a procura, identificación e dignificación de persoas desaparecidas durante a Guerra Civil e a ditadura en Galicia cunha primeira achega de 106.395 euros á Xunta para actuar sobre dúas fosas comúns en Cotobade e O Pino. 

Destacou que é a primeira vez que un goberno habilita axudas directas ás comunidades autónomas para as actividades de procura e identificación de persoas desaparecidas durante a Guerra Civil ou a represión política posterior.

En concreto, actuarase sobre a fosa común do cemiterio de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade onde se estima a existencia de 11 vítimas, e na fosa situada no lugar de Amenal, no Concello do Pino (A Coruña), onde se sinalan 3 vítimas. 

Para iso, a axuda contempla a creación dun grupo multidisciplinar coa participación de historiadores, forenses, arqueólogos e outros especialistas para executar estas tarefas e dignificar vítimas e lugares.