O Goberno endurece o illamento e suspende todas as actividades "non esenciais"

Pontevedra
28 de marzo 2020

Será, en todo caso, un permiso "retribuído y recuperable", segundo anunciou Sánchez. Isto significa que os traballadores seguirán recibindo o seu salario "con normalidad" e, unha vez termine esta situación, as horas non traballadas durante estes oito días laborais deberán ser recuperadas de maneira "proporcional y progresiva"

Pedro Sánchez, presidente do Goberno Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

Todos os traballadores de actividades "non esenciais" deberán quedar na casa durante as dúas próximas semanas. Así o anunciou este sábado o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. A medida aprobarase nun Consello de Ministros extraordinario.

O Goberno endurece así o illamento polo coronavirus decretado hai xusto dúas semanas e busca limitar aínda máis o desprazamento dos españois, ao reducir drasticamente o número de persoas que deben ir traballar.

Así, salvo nos servizos esenciais fixados polo estado de alarma, fundamentalmente todos os relacionados coa atención sanitaria, a alimentación ou a distribución de medicamentos, os traballadores xa non deberán ir traballar.

A medida entrará en vigor este luns 30 de marzo e estenderase ata o 9 de abril, ambos os días inclusive. A partir de aí, enlazarase cos festivos de Semana Santa, polo que, salvo extensión desta prohibición, estas actividades laborais retomaríanse o 13 de abril.

Será, en todo caso, un permiso "retribuído y recuperable", segundo anunciou Sánchez. Isto significa que os traballadores seguirán recibindo o seu salario "con normalidad" e, unha vez termine esta situación, as horas non traballadas durante estes oito días laborais deberán ser recuperadas de maneira "proporcional y progresiva". Haberá de prazo ata o 31 de decembro.

Esta decisión, engadiu Pedro Sánchez, vén "recomendada" polos expertos e confía en que permita "vencer más rápido" ao virus, ao dar "un paso mis" e reducir aínda máis os desprazamentos dos españois e rebaixar a mobilidade "a los niveles del fin de semana".

O presidente do Goberno destacou que a actuación dos españois está a ser "extraordinariamente exemplar" nuns días que, segundo destacou, "son muy duros, tristes y amargos" pero que, ao mesmo tempo, "son decisivos" para superar esta pandemia.

"Pronto notaremos el esfuerzo de este poderoso esfuerzo colectivo", engadiu o presidente.