Chega o Entroido a Pontevedra e O Ganapán presenta unha programación especial con motivo desta festa.
A iniciativa da concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, prolongarase durante cinco días nos que a rapazada de entre 4 e 10 anos poderá divertirse elaborando os doces máis característicos desta época do ano.
Ademais, como é habitual neste programa de lecer infantil, á marxe de cociñar deliciosas receitas, os nenos participantes elaborarán diversos xoguetes, orientados nesta ocasión á temática do Entroido.
O sábado 18 de febreiro O Ganapán dará o pistoletazo de saída cunhas filloas de leite con chocolate e sombreiros e paxariñas de paiaso.
A segunda quenda, o domigo 19, estará protagonizada pola tradicional bica branca e por un taller de confección de perrucas divertidas.
A terceira xornada do Ganapán, o luns 20, traerá consigo unha receita do Brasil. Trátase dos bolos formigueiros, e tamén elaborarán coroas de flores.
No penúltimo día, o 21 de febreiro, os meniños farán unha máscara de pirata e unha torta de larpeira tradicional galega que aprenderán a facer. E por último, outra proposta gastronómica de Entroido: as rosquillas de anís. Paralelamente, elaborarán un antiface de extraterrestre.
Os pequenos que desexen participar deberán inscribirse a través de email oganapan@gmail.com, indicando as posibles alerxias e intolerancias que teñan. As actividades levaranse a cabo no horario habitual, de 11:30 a 13:30 horas.