Este sábado 30 de xuño celebrarase a última cita da tempada no programa lúdico-formativo O Ganapán, unha iniciativa que busca dar a coñecer o mercado e a xente que nel traballa, pór en valor o espazo e os oficios do mar e da terra e concienciar ás crianzas da importancia de mercar e consumir produto frescos e de proximidade.
A última cita, que coincide tamén co fin do curso escolar e o inicio das vacacións do verán, será no espazo infantil do mercado para pequenos chefs que se achegarán á repostería tradicional preparando unha torta de Santiago.
Esta iniciativa da Concellería de Promoción Económica e da Cidade chegou durante o último trimestre, entre xaneiro e este mes de xuño, a 1.300 nenos. Un milleiro deles participaron en visitas guiadas polas dependencias da praza e 300 gozaron de citas coa cociña.
Os obradoiros de cociña e infantís do Ganapán celébranse os sábados e as visitas escolares os venres coa participación de alumnado de Educación Infantil e Primaria.
Todos os venres o mercado recibiu a grupos de escolares que percorreron os distintos postos da praza -de carne, peixe, marisco, flores, froita, ultramarinos- coa finalidade de coñecer os produtos do mercado e establecer contacto directo cospraceiros e praceiras.
Ademais da venda, os nenos achéganse nestas visitas a todo o proceso dos alimentos, visitan a lonxa e as cámaras de conservación. Despois do percorrido, xa no Ganapán, fixeron actividades de plástica creativa relacionadas coa visita e remataron coa degustación dalgún produto vinculado co mercado (paté de mexillóns, froitas ou queixo, entre outras).