O Ministerio de Educación, Cultura e Deportes puxo os seus ollos nun programa municipal. O Ganapán, a iniciativa lúdica-educativa que busca que os nenos coñezan a actividade do mercado de abastos, foi elixida como proxecto-modelo polo Goberno.
Pontevedra presentará esta iniciativa no terceiro encontro Cultura e Cidadanía que se celebrará os días 28 e 29 de setembro no centro cultural Matadero de Madrid.
A concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, explicou que o proxecto pontevedrés foi seleccionado entre as máis de 200 propostas remitidas de diferentes entidades públicas e privadas.
"Estamos moi orgullosos de que O Ganapán se expoña en Madrid como un modelo que pode ser imitado e ser inspirador para outras cidades", destacou Gulías.
Esta proposta municipal, lembrou a edil do BNG, enmárcase dentro da intención do Concello de "darlle vida" á praza de abastos de Pontevedra.
Xunto coas actividades que se desenvolven no propio espazo do Ganapán, habilitado na primeira planta do mercado, este proxecto ten como filosofía poñer en valor os produtos que, desde a terra e desde no mar, chegan a estas instalacións e que os nenos e as nenas participantes coñezan de onde proveñen os alimentos que consomen.
"Tiñamos moita confianza en que o proxecto ía gustar", asegurou Anabel Gulías, que lembrou que, a pesar das vacacións escolares, a actividade do Ganapán mantense no verán con propostas de cociña gourmet.
O encontro Cultura e Ciudadanía tratará as diversas dimensiones que debería de implicar o exercicio da cultura, en termos de acceso e producción, cuestións como autonomía e democracia cultural, a revisión da dicotomía consumidor-produtor e a necesidade dunha cultura realmente diversa e aberta a todos os públicos.
Así, os proxectos seleccionados son modelos de cultura inclusiva, que ocupan o espazo público para crear novas experiencias que chegan a públicos diversos, abrindo pontes e canles de comunicación entre a cultura e a cidadanía.
Nese sentido, O Ganapán leva desde o pasado Nadal realizando actividades infantís, familiares e escolares que teñen como finalidade achegar ás crianzas á cultura dos oficios do mar e da terra, con encontros con mariñeiros, labregas, praceiras, redeiras, bateeiros ou cociñeiras, oficios tradicionais que representan a cultura inmaterial galega e que, para Anabel Gulías, "é fundamental transmitir aos nenos".