Máis de catro meses terán que esperar comerciantes e veciños para saber se poderán volver pasar polas galerías Oliva para saír á rúa Gutiérrez Mellado. O xuízo previsto para revisar a apertura do paso suspendeuse o pasado 25 de abril e agora ten nova data. Celebrarase en setembro.
O xuízo estaba previsto para dúas xornadas, 25 e 26 de abril e suspendeuse no último momento a pedimento da parte demandada. Agora, segundo puido confirmar PontevedraViva, celebrarase no Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra os días 12 e 13 de setembro a partir das 9.30 horas da mañá e para el xa foron citados un gran número de testemuñas, en especial, comerciantes e veciños da zona.
A causa séguese por unha reclamación de posesión, pois abriuse por mor dunha demanda da familia Filgueira, propietaria de 14 baixos nesta zona comercial, para que se restitúa ese paso, pechado desde o 31 de xaneiro de 2023 no marco das obras.
Como parte demandada figura a empresa Cubreiro, propiedade da familia Corbal, propietaria da zona das galerías que xa foi derrubada, pois é a empresa que promove o proxecto de demolición do edificio do número 3 da rúa Gutiérrez Mellado e o 11 da rúa Michelena, coa consecuente derriba dunha parte das galerías, para facer realidade un novo proxecto urbanístico.
Este paso agora pechado levaba aberto desde os anos 60, pouco despois da apertura das galerías e era moi utilizada pola cidadanía, de modo que os comerciantes aseguran que, co seu peche, cáusalles un gran prexuízo, ao impedir á poboación pasar pola zona e, de paso, deterse nos seus negocios.