O futuro da frota galega de Mauritania debátese entre a busca de caladoiros e o despezamento

Marín
09 de outubro 2013

O sindicalista da CIG, Xabier Aboi, acompañado de mariñeiros e patróns de embarcacións que faenaban en Mauritania amosan a súa preocupación polo futuro ao que se enfrenta a frota cefalopodeira galega

Xabier Aboi, do sindicato CIG, e un grupo de tripulantes e patróns mostraron a súa decepción despois de que a Eurocámara aprobase o acordo que expulsa os barcos cefalopoderos galegos de Mauritania. Aboi lamentou a actitude titubeante dos eurodeputados socialistas e do goberno español e autonómico: "estivemos sós a nivel político". Criticou que dende a Xunta se estea a intentar minimizar o efecto que terá sobre a frota galega reducindo o número de barcos afectados. Segundo expuxo o sindicalista, os barcos teñen o porto base en zonas de exportación pero son "de onde pagan os impostos e a Seguridade Social e, digo máis, de onde presentan ERES".

Ante a imposibilidade de traballar neste caladoiro, os máis de 250 tripulantes e patróns galegos que faenaban naquela zona encóntranse agora á espera de que os armadores busquen outros caladoiros rendibles. Pola contra, eses barcos espéraos o despezamento.

Por este motivo, dos 24 barcos galegos que faenaban en augas mauritanas, 6 xa foron despezados, un vendido a Iván e os demais comezaron a buscar caladoiros en Gambia ou Malvinas mentres non se resolva a situación en relación con Guinea Bissau e Senegal. Non obstante, Hipólito Castro, tripulante do barco Iván Nores recoñecía que a súa embarcación irá a Malvinas pero trátase dun barco pequeno sen capacidade para facer unha boa campaña naquela zona.

Os tripulantes levan 2 meses sen cobrar axudas e hai máis dun ano que se encontran á espera de que se lles autorizase a pesca de polbo nas augas de Mauritania.

Pola súa parte, dende a Consellería do Mar demándase á Unión Europea unha mellora das condicións do vindeiro acordo pesqueiro con Mauritania e novas alternativas para a frota.

Arquivado en