Este mércores 18 de setembro, as Rías Baixas espertaron baixo un ceo cuberto por unha espesa capa de fume procedente dos incendios que arrasan o norte de Portugal.
O fenómeno deu lugar a unha imaxe impactante: o sol, tamizado polo fume, amosouse como un círculo de intensa cor vermella, visible en puntos como Pontevedra e a ría de Arousa, O Salnés ou Vigo.
Ao mesmo tempo rexístrase un forte cheiro a queimado, que tamén procede do incendio que se declaraba durante a tarde deste martes en Cerdedo-Cotobade.
Os incendios no centro e norte de Portugal xa cobraron sete vidas, entre elas catro bombeiros, segundo informa o xornal Correio da Manhà.
A situación en Portugal segue sendo crítica, coa declaración de alerta máxima en gran parte do territorio norte.
As condicións meteorolóxicas, que inclúen altas temperaturas e fortes ventos, dificultaron os labores de extinción. Agardan que o control mellore nas vindeiras horas.
"O fume dos incendios de Portugal chega ao sur e oeste de Galicia", indican desde Meteogalicia.
Anuncian que está previsto que a concentración de fume vaia a menos pola tarde e que se volva intensificar durante a próxima madrugada".
O índice de calidade do aire (ICA) continúa sendo baixo, segundo advirte o servizo de Meteogalicia.