O foro do Tour Universo Muller dá o pistoletazo de saída á fin de semana do deporte feminino en Pontevedra

Pontevedra
06 de marzo 2020

O evento que encherá a cidade de actividades deportivas reuniu na Casa das Campás a recoñecidas mulleres do mundo do deporte a nivel local e nacional para analizar a situación da muller neste sector

Primeira mesa redonda de foro do Tour Universo Muller coa patinadora olímpica Sara Hurtado PontevedraViva

Os actos do Tour Universo Muller, que encherá de actividades deportivas a cidade de Pontevedra durante toda a fin de semana co obxectivo de promocionar o deporte feminino e celebrar o Día Internacional da Muller, comezaron na tarde deste venres cunha tripla sesión de charlas protagonizadas por recoñecidas deportistas, adestradoras e dirixentes de diversas disciplinas do ámbito local e nacional.

A primeira destas mesas redondas, moderada pola xornalista pontevedresa Susana Pedreira, contou coa participación da doutora en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, María José Martínez Patiño; a presidenta das Mulleres Deportistas Galegas, Mercé Barrientos; a adestradora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Luisa Domínguez; e a patinadora olímpica, Sara Hurtado.

O título desta primeira conversación, que tivo lugar na Casa das Campás, foi o de "Unha carreira de obstáculos", que as catro relatoras aproveitaron para analizar as trabas que deben superar ao longo de toda a súa carreira deportiva as mulleres non só para destacar e lograr recoñecemento, senón para chegar a atopar unha modalidade deportiva que a satisfaga. 

"O 70 % dos menores que non practican deporte son nenas, futuras mulleres que non atoparon o seu deporte ou que nin sequera o están buscando. E iso é porque non teñen referentes aos que asemellarse", declarou a patinadora nun discurso que tamén compartiron o resto de participantes.

Unha hora despois tiña previsto comezar a segunda charla titulada "Muller, deporte e saúde" coa participación da piragüista olímpica Teresa Portela, a porteira da Selección Española de Fútbol sala Silvia Aguete, a profesora de Bioloxía Funcional da Universidade de Vigo, Iris Machado; e a exjudoka Sabela Delgado. Para pechar esta primeira xornada fixouse o tema de "A presenza da muller na información deportiva" coa profesora de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo Ana Belén Fernández Souto, as xornalistas Paula Montes e Cristina Gallo e a presidenta do CB Arxil, Milagros Sanmartín, como relatoras.

Para este sábado está prevista a apertura da carpa na que representantes de dezaseis federacións presentarán aos visitantes as súas disciplinas deportivas e na que haberá unha sesión gratuíta de fitness e zumba. Mentres que o domingo a partir das 11 horas terá lugar a carreira popular para celebrar o 8M.