O Forno do Cal recobra a vida perdida da man das familias dos antigos traballadores

Vilaboa
04 de febreiro 2023

Cerca dun centenar de persoas acudiron este sábado en Vilaboa á inauguración do recuperado entorno do Forno do Cal, que ata hai uns meses estaba oculto pola maleza. O acto foi sinxelo e emotivo e todo o protagonismo foi para as persoas que traballaron alí antes do seu peche

Inauguración do Forno da Cal Concello de Vilaboa

Cerca dun centenar de persoas acudiron este sábado en Vilaboa á inauguración do recuperado entorno do Forno do Cal, que ata hai uns meses estaba oculto pola maleza. 

O acto foi sinxelo e emotivo e todo o protagonismo foi para as persoas que traballaron no Forno da Cal antes do seu peche. Familiares dos antigos traballadores acudiron ao acto, que tivo o mesmo obxectivo que a propia recuperación deste espazo, poñer en valor o seu duro oficio e visibilizar o traballo das mulleres que na historia moitas veces queda oculto detrás do traballo dos homes.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, lembrou que o investimento na recuperación deste elemento patrimonial  é unha actuación que "pensa no futuro pero que mira ao noso pasado" e explicou que quixeron "renderlle homenaxe as mulleres e homes de Vilaboa, fundamentalmente de San Adrián e Santa Cristina de Cobres, que no século pasado traballaron aquí,  na Caleira". 

Tamén quixo amosar o profundo agradecemento do Concello aos veciños e veciñas e as familias daquelas persoas que traballaron neste espazo e que ofreceron a súa testemuña para contar a historia de Vilaboa a través dun tarefa de recollida da historia que fixo o alumnado do Toural.

O traballo documental da comunidade educativa de O Toural e as achegas do Museo Etnográfico de Ribadavia, con especialista na historia da cal en Galicia, foron a base do proxecto que permitiu a rehabilitación do Forno da Cal e amósase nuns paneis divulgativos e en realidade virtual ao dispor dos visitantes. 

O proxecto do acondicionamento e rehabilitación financiouse con fondos europeos, do Estado, da Xunta e do propio Concello, é dicir, con achegas de todas as administracións a un proxecto que presentou o Concello diante do GALP-RÍA DE VIGO e que foi seleccionado para executar en dous anos. 

O investimento total foi de 120.000 euros, dos que o Concello  puxo 27.000 euros e o resto as demais administracións. 

O alcalde agradeceu a colaboración da Comunidade de Montes de San Adrián coa cesión de terreo para a mellora da contorna, e estendeu este recoñecemento á Confraría de Pescadores, á Asociación de Mulleres de Vilaboa e ao colexio de Riomaior. Tivo tamén palabras de agradecemento da empresa Pesca Puerta, que cedeu o uso ao Concello e anunciaron unha visita ao Forno do Cal o vindeiro mes de marzo.