Varias recepcións institucionais na rexión de Cacheu pecharon a misión político-técnica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedadea Guinea-Bissau.
A delegación estaba integrada polo presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González; o vicepresidente e concelleiro de Cartelle, Daniel Fernández; ademais do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, vogal na organización.
Durante a última semana percorreron diferentes puntos para comprobar os proxectos financiados en materia sanitaria e de auga. Regresarán este domingo 26 a Galicia, coincidindo co Día de África.
Durante as últimas horas, os representantes do Fondo Galego mantiñan un encontro con Lucía Piñón, segunda xefatura na Embaixada de España en Guinea-Bissau. Comprometeuse durante a entrevista para estudar a posible alieanza no marco do programa Erasmus+.
Tamén mantiveron reunións no Ministerio de Economía e co ministro de Administración Territorial onde mostraron a súa avaliación positiva dos proxectos impulsados desde Galicia.
A delegación tamén se entrevistou con representantes do goberno rexional de Cacheu, quen trasladou os principais problemas aos que se enfrontan. Neste sentido, alcanzouse o acordo de manter o apoio a medio prazo en materia de servizos sanitarios materno-infantís; formación de cadros políticos locais e rexionais e en materia de abastecemento de auga.
Desde 2020, o Fondo Galego financiou ata cinco proxectos cun total de 72.000 euros na rexión de Cacheu.