O FLOP colorea o Parque do Gafos con son, natureza, orgullo e liberdade

Pontevedra
10 de xullo 2016

Ducias de persoas achegáronse a este espazo situado nos arredores do antigo muíño do río dos Gafos para participar na festa do orgullo LGTB, que ofreceu música, comida, bebida e moita diversión

Festa do orgullo FLOP no Gafos Diego Torrado

Durante doce horas, desde o mediodía ata medianoite, o Parque do río Gafos converteuse nun espazo onde a música electrónica, as tatuaxes, piercings e os sorrisos de diversión brillaron con motivo da celebración da Festa FLOP, a conmemoración do orgullo do colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e persoas transgénero (LGTB).

Durante toda a xornada, numerosas persoas achegáronse ata este escenario natural que por primeira vez acolle un evento festivo e que, segundo manifestou a concelleira de Festas, Carme da Silva, será empregado para futuras actividades.

Baixo o lema "Son, natureza e liberdade" por este parque pasaron desde afeccionados á música electrónica ata familias que gozaron da música de dj's como Tiago, Álvaro Cabana, Lanoche Live!, Grobas, Certain People, Breixo, You_Ou, Tales of the System, Moreno Moreno e Samantha Calvario. No set montado para a ocasión coa intención de ofrecer máis colorido ao Parque non faltaron figuras de flamencos rosas ou bandeiras do arco iris.

Tampouco podía faltar, nun sábado tan caloroso, bebidas e comida que se proporcionaban a través da caravana da empresa El Mono con Sombrero. A medianoite, a festa continuou ata a madrugada na Sala Karma.

AmpArticleViewer.default.tags