O fiscal pide o arquivo da causa aberta contra o ex xerente do CHOP por delito contra a integridade moral

Pontevedra
04 de marzo 2017

O procedemento séguese no Xulgado de Instrución número 1 por mor da denuncia presentada polo ex xefe de servizo de dixestivo, Enrique Vázquez Astray, por suposto trato vejatorio e denigrante. O Ministerio Público pide o sobresemento tras máis de tres anos de instrución 

Xulgados da Parda Mónica Patxot

O fiscal da causa xudicial aberta contra o ex xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP), José Manuel González, por un presunto delito contra a integridade moral pediu que se arquive. O procedemento séguese por mor da denuncia presentada polo ex xefe de servizo de dixestivo, Enrique Vázquez Astray, por suposto trato vexatorio e denigrante

O Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra abriu dilixencias sobre este asunto no ano 2013 por mor da denuncia de Vázquez Astray e en 2014 foron chamados a declarar en calidade de imputados -actual figura do investigado- tres persoas: o entón xerente do CHOP; o director de procesos sen ingreso e urxencias, Tomás Ardid Posada; e o xefe de servizo de dixestivo, Juan Turnes Vázquez.

Tras máis de tres anos de instrución xudicial, no documento ao que tivo acceso PontevedraViva, o fiscal pide á xuíza que decrete o sobresemento da causa ao entender que as actuacións atribuídas á xerencia do CHOP "non comportan un trato vexatorio e humillante conscientemente ideado desde a dirección hospitalaria".

O escrito asinado polo fiscal Augusto Santaló o pasado 27 de febreiro e incorporado á causa si recoñece que houbo "diferenzas importantes na xestión do traballo" que "foron mal enfocadas e xestionadas desde a dirección do CHOP", pero entende que non é ningunha actuación constitutiva de delito, pois non cumpre os requisitos esixidos pola lei para entender que existía un delito contra a integridade moral. Xa se arquivaron polos mesmos motivos -carencia de carga penal- os cargos por presunta prevaricación administrativa e acoso laboral que se investigaron por estes feitos.

Na súa denuncia, Vázquez Astray poñía en coñecemento do xulgado comportamentos arbirtarios por parte da xerencia do CHOP na distribución de traballo co propósito de vexalo. Para poder determinar se isto era así, emitiron informes un perito xudicial e outro de parte a instancias do denunciante. 

O perito de parte fixo referencia ao cesamento de Vázquez Astray como xefe de servizo de dixestivo e á súa reincorporación por mor dunha sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). O fiscal entende neste sentido que o feito de que o xulgado daquel procedemento lle dese a razón "non é indicativo de que se lle deu un trato degradante". 

O perito xudicial incide en que desde que Vázquez Astray reincorporouse "nada funcionou con normalidade" e critica "a falta de autonomía" que tivo para desenvolver as súas funcións de xefe de servizo, pero insiste en que, en último termo, a responsabilidade do funcionamento do CHOP é da xerencia. Este perito independente considera "criticable" que o xerente "non atopase outra forma de exercer a súa autoridade" máis que retirar autonomía a Vázquez Astray, pero non se ve capaz de concluír se o seu comportamento é fustrigación ou "simple exercicio das súas responsabilidades". 

Esta petición de arquivo por parte do fiscal asinouse tan só unos días despois da substitución de José Manuel González como xerente do CHOP