O festival PortAmérica xerou un impacto de más de 1,3 millóns de euros

Umia
26 de setembro 2018

O impacto económico que tivo o festival PortAmérica, celebrado o pasado mes de xullo, para Caldas de Reis e a súa comarca, ascende a máis de 1,3 millóns de euros. É unha das principais conclusións do informe de avaliación da repercusión económica, social e mediática do encontro, elaborado ao abeiro da marca FEST Galicia

Presentación do estudo de impacto económico do festival PortAmérica Xunta de Galicia

O impacto económico que tivo o festival PortAmérica, celebrado o pasado mes de xullo, para Caldas de Reis e a súa comarca, ascende a máis de 1,3 millóns de euros. É unha das principais conclusións do informe de avaliación da repercusión económica, social e mediática do encontro, elaborado ao abeiro da marca FEST Galicia.

O estudo, realizado por un equipo de traballo da Universidade de Santiago liderado por Fran Núñez, foi presentado este mércores en Pontevedra polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o director do festival, Kin Martínez.

Nesta investigación se manexaron datos obtidos a partir das 1.717 enquisas directas que os autores do estudo realizaron aos asistentes e das cifras facilitadas polo propio festival.

Desa análise despréndese que nos seus tres días de celebración, a carballeira de Caldas rexistrou unha ocupación media superior ao 91% e máis de 23.000 visitas, das que un 8% procedían de fóra de Galicia.

En canto ao retorno económico de 1,3 millóns de euros na comarca, esta cifra ten en conta a suma dos impactos directo, indirecto e inducido. Así mesmo, o gasto medio por persoa e día estímase -sen incluír transporte- nuns 50 euros, do que un 20% repercute directamente na área de influencia de PortAmérica.

Estes datos demostran as elevadas marxes do retorno económico do festival, que se sitúan entre 1,65 e 2,08 euros por cada euro investido.

A moi positiva valoración do público, que lle outorga a esta sétima edición unha nota de 8,1 sobre 10, é outro dos datos salientables deste informe.

Así, na puntuación dos servizos superan o 8,5 a súa localización e integración na contorna, o trato do persoal, a sensación de seguridade ou o sistema de compra de entradas.

Estas elevadas notas esténdense tamén aos intanxibles e ao impacto social: mellora o coñecemento da localidade (9,12) e a súa imaxe (8,62), atrae turismo (8,82) e xera impacto económico (8,96) e orgullo local (8,49). 

Xunto co PortAmérica, o pioneiro e orixinal sistema de medición empregado, coñecido como Avaliación 360 graos e que Fran Núñez desenvolveu na súa tese de doutoramento, empregarase tamén para medir o impacto doutros catro festivais dos dez adheridos este ano a FEST Galicia: Sinsal, Resurrection Fest, SonRías Baixas e Revenidas.