Ponte Caldelas acolle este sábado, día 25, a XVII edición do seu Festival Folclórico, que este ano terá como protagonistas á música tradicional de baile galega e a aragonesa. Deste xeito, muiñeiras e xotas compartirán o escenario da Alameda caldelá.
O certame, que organizan conxuntamente o Concello de Ponte Caldelas e o grupo folclórico Os Coribantes de Buchabade, dará comezo ás 20.30 horas. Os participantes serán, ademais do grupo local, os cangueses de Pais de San Roque e o grupo de Danzas Virgen de la Peña (Calatayud-Zaragoza).
Á presentación do evento asistiron o alcalde, Andrés Díaz, e o presidente dos Coribantes de Buchabade, Lito Rodríguez, xunto con algúns dos integrantes máis mozos do grupo local e que estarán sobre as táboas este próximo sábado.
As xotas aragonesas tomarán así o relevo da música vasca e rioxana que o ano pasado foron elementos destacados deste festival que acumula xa unha longa traxectoria. Os zaragozanos desprázanse cunha expedición de 45 integrantes que chegarán a Ponte Caldelas o venres e serán recibidos no Concello polo Goberno local na mañá do sábado, horas antes da actuación.
Lito Rodríguez insistiu en que trátase dun certame centrado no baile que se está a converter nunha referencia. Unha iniciativa que é posible gracias aos contactos que Os Coribantes acumulan nas súas viaxes por España e o estranxeiro. E, tamén, gracias ao apoio estable do Concello de Ponte Caldelas e ao patrocinio da Deputación.
Un cento de persoas, entre músicos e danzantes estarán nesta nova edición do Festival, que forma parte da programación das Festas das Dores de Ponte Caldelas.