O feminismo pontevedrés chama a protestar na rúa este sábado pola agresión sexual durante un concerto

Pontevedra
16 de agosto 2024

Este sábado 17 de agosto ás 20.00 horas na praza de España. É a cita convocada polo Colectivo Transfeminista Fulanas e o Colectivo Feminista de Pontevedra para amosar o rexeitamento da cidadanía pontevedresa en relación coa agresión sexual rexistrada o pasado domingo

policia local Mónica Patxot

Este sábado 17 de agosto ás 20.00 horas na praza de España. É a cita convocada polo Colectivo Transfeminista Fulanas e o Colectivo Feminista de Pontevedra para amosar o rexeitamento da cidadanía pontevedresa en relación coa agresión sexual rexistrada o pasado domingo durante un concerto. 

A Policía Local detivo un home de 27 anos por un delito de agresión sexual por presuntamente realizar diversos tocamentos sen consentimento a tres mozas que gozaban do concerto, dúas delas menores de idade, o que provocou un breve enfrontamento con outras persoas do público. 

Sucedeu durante un concerto na noite do domingo 11 de agosto no marco da programación das festas da Peregrina e este sábado, na penúltima xornada dos festexos, chaman a concentrarse no mesmo espazo no que sucederon os feitos. 

Estes dous colectivos piden "rúas seguras e libres de violencias sexuais" na recta final das festas e en calquera ambiente ou lugar de ocio e lembran que os tocamentos nas nádegas a mulleres son recorrentes en aglomeracións, festivais, ou discotecas. 

O colectivo Fulanas fixo tamén unha pegada de carteis denunciando a situación e lembra que, ante calquera agresión, existen locais comprometidos onde pedir axuda e contactar co colectivo: Ye Olde Basset, Cervexería O Grifón, Bar O Diaño, Taberna e Fábrica Nasa, Pub Ánimas, Bar 5 Pinchos

O Colectivo Feminista lembra tamén que existe un punto morado de información e denuncia que a Concellería de Igualdade ten establecido na praza de Ourense.