O exceso de velocidade, posible causa do accidente con dous adolescentes mortos en Marín

Marín
09 de decembro 2023

Así o informou este sábado o Concello de Marín, que sinala que o vehículo que circularía con exceso de velocidade sería o Volkswagen Golf no que viaxaban os dous menores de 16 e 17 anos que faleceron. O condutor deu resultado negativo nas probas de alcol e drogas. Trátase dun mozo de 20 anos que resultou ileso 

Accidente de tráfico con dous menores mortos en Marín
Accidente de tráfico con dous menores mortos en Marín / EFE / Sxenick.

Todas as probas realizadas pola Policía Local de Marín sobre o accidente mortal rexistrado na noite do venres en Coirados apuntan a que a causa do sinistro foi un exceso de velocidade. 

Así o informou este sábado o Concello de Marín, que sinala que o vehículo que circularía con exceso de velocidade sería o Volkswagen Golf no que viaxaban os dous menores de 16 e 17 anos que faleceron. 

O Golf circulaba en sentido ascendente pola estrada PO-313, que comunica Marín e Moaña, sobre as 21.23 horas do venres cando o seu condutor perdeu o control do coche, de tal forma que un vehículo que circulaba en sentido descendente non puido esquivalo e chocaron de fronte.

Os dous falecidos ían na parte traseira, unha moza de 18 anos que resultou ferida ía de copiloto e un mozo de 20 anos era o condutor, que resultou ileso.

O condutor deu resultado negativo nas probas de alcol e drogas e todo apuntan a que excedía os límites de velocidade. 

A Policía Local está a encargarse da instrución do atestado do accidente.

Mentres tanto, o accidente mortal causou unha grande conmoción en Marín. Faleceron os veciños da localidade Rubén Farto e Brais Sestelo, de 16 e 17 anos, e durante toda a xornada deste sábado sucedéronse as mostras de condolencia por parte de autoridades, asociacións e centros educativos da vila. 

O Concello decretou dous días de loito oficial en "manifestación de dor" e coa intención de acompañar ás familias no "duro camiño que lles toca percorrer" polo "triste falecemento" dos dous menores.

A Resolución de Alcaldía feita pública este sábado recolle que durante esta fin de semana as bandeiras dos edificios institucionais ondearán a medio mastro e suspenderanse todos os actos e as actividades culturais, deportivas e de ocio programadas para estes días.

Rubén Farto e Brais Sestelo eran dous veciños de Marín que estaban moi unidos ao deporte base pola súa participación en distintos clubs da localidade. 

No accidente resultaron feridas tres persoas e as tres foron dadas de alta na mañá deste sábado despois de ser atendidas no Hospital Montecelo. 

A ferida de maior gravidade era C.L.F., unha moza de 18 anos que viaxaba no asento do acompañante no Volkswagen Golf. No outro vehículo circulaban M.T.T., unha muller de 47 anos; e J.S.G., un home de 54, que tamén foron atendidos.

O sinistro produciuse ás 21.23 horas deste venres no quilómetro 1,400 da estrada PO-313, á altura da farmacia de Coirados.