O estado dos vehículos, a exame desde o luns pola Garda Civil de Tráfico

Pontevedra
05 de xullo 2015

O estado no que se encontra o parque móbil do noso país é, segundo as autoridades, un dos factores de maior risco para a seguridade vial. Por iso, a próxima campaña de vixilancia que poñerá en marcha a DGT nas estradas pontevedresas será para controlar as condicións técnicas nas que circulan os vehículos. Iniciarase este luns 6 de xullo e estenderase ata o próximo domingo

Control da Garda Civil de Tráfico PontevedraViva

O estado no que se encontra o parque móbil do noso país é, segundo as autoridades, un dos factores de maior risco para a seguridade vial. Por iso, a próxima campaña de vixilancia que poñerá en marcha a DGT nas estradas pontevedresas será para controlar as condicións técnicas nas que circulan os vehículos. Iniciarase este luns 6 de xullo e estenderase ata o próximo domingo.

O obxectivo desta campaña é garantir que o estado destes cumpre os requisitos establecidos pola lexislación vixente. E para iso, a Garda Civil de Tráfico intensificará estes controis na rede provincial de estradas. Ademais, invitouse a participar ás policías locais dos respectivos concellos.

Segundo a DGT, a antigüidade media do parque de turismos en España aumentou en 3,7 anos no período 2017-2014. Esta situación, sinalan, supón un factor de risco ao carecer estes vehículos dos sistemas e equipamentos de seguridade implantados máis recentemente, ademais dos problemas derivados do seu uso prolongado.

De feito, ao realizar unha comparativa entre os accidentes acontecidos con vehículos de 10 a 15 anos de antigüidade e os de menos de 5 anos, apréciase que o risco de falecer ou resultar grave se duplica no primeiro caso.

Un adecuado mantemento e posta a punto dos principais elementos de seguridade do vehículo (pneumáticos, freos, iluminación e sinalización) resulta, recordan dende a DGT, imprescindible para combater a sinestralidade.

O ano pasado detectáronse en España máis de 630.000 infraccións relacionadas directamente co estado do vehículo, cifra que aumentou en máis dun 32% respecto ao ano 2010.