O escritor Román Gubern clausura unha Semana Galega de Filosofía que rompeu prexuízos sobre o sexo

Pontevedra
10 de abril 2015

Na xornada deste venres 10 deuse lectura a un Manifesto en Defensa da Filosofía coa intención de recoller apoios para impedir que se leve a cabo a reducción da Filosofía no currículo do ensino

Clausura da Semana Galega de Filosofía 2015 Daniel Santomé

O historiador de medios de comunicación, escritor e estudoso cinematográfico Román Gubern foi o encargado de pechar a edición de 2015 da Semana Galega de Filosofía que se desenvolveu durante os últimos cinco días no Teatro Principal de Pontevedra cunha análise profunda sobre o sexo.

A última xornada caracterizouse pola súa intención reivindicativa coa lectura do Manifesto en Defensa da Filosofía que ten como intención recoller firmas para formar un grupo de traballo que poida coordinar iniciativas destinadas a impedir que se leve a cabo a redución da Filosofía, que propón o anteproxecto de reforma da lei de ensino, no currículo académico.

O encargado da lectura foi o decano da Facultade de Filosofía de la Universidade de Santiago de Compostela, Rafael Martínez Castro. No manifesto incídese en que o sistema educativo non debe converterse nunha industria de transformación de seres humanos en capital humano e destaca o labor "fundamental" da Filosofía para dotar á xuventude de "instrumentos conceptuais sólidos" que lles permitan entender a realidade. No escrito condénase que "a Filosofía sexa utilizada unha e outra vez polos sucesivos gobernos de España como comodín que se estira e se encolle caprichosamente con cada nova reforma educativa na loita ideolóxica entre os partidos políticos".

A conferencia da tarde a cargo de María Victoria Carrera centrouse no feito de que "non nacemos nin homes nin mulleres, nin masculinos nin femininos, nin heterosexuais, senón que nacemos persoas cunha realidade corporal concreta". E destacou o feito de que é a cultura a que se encarga de encadrar en dúas categorías opostas aos homes e ás mulleres.

Nas conclusións da Semana Galega de Filosofía incídese no feito de que as xornadas serviron para desmontar algúns dos prexuízos colectivos e individuais nos que "a concepción da sexualidade se asentaba, obrigándonos a cuestionar moitas das nosas certezas".