O escritor Manuel Rivas pide o activismo da memoria nas xornadas 'A (des)memoria nas aulas'

Pontevedra
30 de abril 2022

Nestas xornadas que organiza a Deputación de Pontevedra reclámase un proxecto curricular no ensino que permita abordar a historia recente de Galicia achegando ao alumnado recursos sobre os acontecementos que se rexistraron despois do golpe militar no ano 1936

Xornada 'A (des)memoria nas aulas' Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acolle as xornadas 'A (des)memoria nas aulas', organizadas polo departamento provincial que dirixe a deputada de Memoria Histórica María Ortega. Nesta ocasión, a cita serviu para reclamar un proxecto curricular no ensino galego que aborde a historia recente de Galicia utilizando un punto de vista da Memoria. 

María Ortega demanda recursos para a docencia que permitan ao alumnado coñecer os acontecementos que se rexistraron despois do golpe militar de 1936, ofrecendo un relato completo que supere o transmitido a través do bando gañador.

A deputada manifestou nas xornadas que "non se pode esquecer para non repetir e máis agora que se produce un claro rearme da ultradereita". Criticou a eliminación do estudo da xeograffía e historia de Galicia no currículo de segundo de bacharelato. Nesta liña, anunciou o seu compromiso de achegar ás aulas todas as ferramentas para abordar esa etapa nos estudos.

A deputada nacionalista inauguraba estas xornadas facendo referencia ao edificio do Pazo Provincial que no tempo da República era unha Escola Normal ata que o golpe de estado, indicou, converteunas en celas, nas que se encarceraron a mestres.

Lembrou que a escola libre foi a vítima máis grande do franquismo ao terminar o "soño de formar homes e mulleres con espírito crítico e apareceu a formación do espírito nacional, a memorización de consígnalas e o pensamento único, especialmente úncio, e girs, no caso das mulleres", concluíu.

Nesta xornada tamén participou Jorge Soto, vicerreitor da Universidade de Vigo no campus de Pontevedra; o investigador Xosé Álvarez Castro; o ilustrador e editor Kiko Da Silva; e as escritoras Eva Mejuto e Xulia María Barros, que trataron a 'Memoria ilustrada de San Simón'.

O escritor Manuel Rivas ofreceu un relatorio sobre 'As doce pereiras, as dez maceiras e as corenta figueiras', para finalizar a xornada coa proxección do documental 'Dores' coa presenza da directora e guionista Coral Piñeiro e a produtora e guionista Maite Martínez Prieto.

Durante a exposición de Manuel Rivas, o autor de 'O lapis do carpinteiro' propuxo o activismo da memoria como elemento fundamental para a democracia e reclamou unha reflexión conxunta sobre este concepto.

Lembrou algunhas anécdotas escolares propias cando estudaba nos arrabaldes da Coruña nunha escola que a que había pingueiras e pasaba frío porque as xanelas carecían de cristais. O mestre era propagandista do Réxime e aseguraba que "España vuelve a ser un imperio en el que no se pone el sol" mentres os estudantes ollaban pola xanela e, ante a chuvia e o frío na aula, dicían "oxalá".

Manuel Rivas: "Tamén somos o que esquecemos"

Rivas lembrou tamén que un estudante contestara que de maior quería ser "emigrante" cando foi preguntado polo profesor, mostrando o desexo que mantiñan moitas familias para escapase da situación que sufría o país. O escritor coruñés fixo unha comparativa entre a memoria humana e a memoria da natureza reflexionando sobre o esquecemento indicando que tamén "somos o que esquecemos"

Previamente o investigador Xosé Álvarez Castro na súa exposición destacou que en Galicia non houbo Guerra Civil senón un "xenocidio" ao eliminarse sectores que se identificaban coas formulacións da Fronte Popular lembrando a relación entre a Memoria e a Historia apuntando a como se utilizaron memorias pervertidas da II República e do Franquismo para entender as bases da Transición e a situación actual.

Este sábado analizaranse os recursos cos que a docencia ten que traballar a memoria histórica nas aulas con lecturas e propostas audiovisuais a cargo da especialista en literatura infantil e xuvenil Pilar Sampedro e a investigadora María Xesús López Escudeiro, ademais da intervención da docente Susana Sánchez Aríns, que falarán sobre o tratamento da memoria na escola.