O equipo do barrio do Burgo, vencedor na xornada final dos Xogos na rúa Efecto PO2

Pontevedra
26 de xuño 2021

Os 'Xogos na rúa' Efecto PO2 terán continuidade no mes de setembro, segundo anunciou este sábado a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías

Xornada final dos 'Xogos na rúa' Efecto PO2

A Praza de España viviu este sábado a xornada final dos 'Xogos na rúa' Efecto PO2, que xuntou aos cinco equipos gañadores dos barrios que participaron unha semana atrás nas eliminatorias: Monte Porreiro, O Burgo, Pontevedra Este, O Gorgullón e Campolongo.

A choiva impediu o pasado domingo celebrar a final, pero este sábado o tempo acompañou e as risas e a diversión foron as grandes protagonistas.

En total na primeira xornada participaran ata 40 equipos, que demostraron a súa habilidade en xogos tradicionais e colaborativos como o peletre, o tres en raia, a corda ou o pano. Pola súa banda na final os nenos e nenas participantes enfrontáronse a xogos como a colleita de mazorcas, esquís familiares e de novo a corda.

Ao final da xornada o equipo vencedor foi o do barrio do Burgo, composto por Alba Pérez Costa, Bruno Pérez Costa, Blanca Pineda Batle, Gabino Pérez Romero e Vanesa Costas García.

'Xogos na rúa' Efecto PO" ten como obxectivo incentivar o uso do espazo público por parte dos veciños dunha maneira lúdica e participativa, por ese motivo a edil Anabel Gulías anunciou que a iniciativa terá continuidade no mes de setembro.