O Entroido de Vilagarcía repartirá 7.125 euros en premios

O Salnés
16 de xaneiro 2018

Dez formacións poderán tomar parte no certame de chirigotas e recibirán unha compensación de 300 euros. Haberá 24 premios para os disfraces que desfilen polas rúas da cidade o Martes de Entroido

Desfile de Entroido 2014 en Pontevedra Diego Torrado

O Concello de Vilagarcía ten todo listo para celebrar o Entroido. A Xunta Local de Goberno aprobou na reunión deste luns as bases que rexerán os dous eventos principais da celebración máis irreverente do ano: o Festival de Comparsas e o desfile de Disfraces. A Concellería de Cultura dispón dun orzamento de 7.125 euros para repartir entre as comparsas que actúen no certame e os mellores disfraces do desfile.

O Certame de Comparsas terá lugar o domingo 11 de febreiro no Auditorio e o Desfile de Disfraces e Carrozas, o martes 13. As bases de ambos eventos pódense consultar xa no taboleiro de anuncios da web municipal aínda que os prazos para anotarse non abrirán ata o día 23 para o festival de comparsas e o 29 para o desfile de disfraces

Dende hai moitos anos, o Certame de Comparsas do entorno non ten carácter competitivo en Vilagarcía. A Concellería concede unha compensación económica de 300 euros a cada comparsa, establecendo como límite de inscrición, 10 agrupacións. A participación concretarase por orde de inscrición e terán preferencia as comparsas de Vilagarcía. Os requisitos que deben cumprir é contar con 25 integrantes como mínimo e ofrecer unha actuación de entre 10 e 15 minutos. Ademais as letras das coplas terán que ser en galego.

Os mellores disfraces do Desfile do Martes de Entroido serán agasallados a través de 24 premios (12 na categoría de adultos e 12 na infantil). Tanto en unha como na outra establécense tres premios na modalidade individual, outros tres na de parellas e seis na de grupos, xa que aquí valoraranse por un lado os grupos de ata 20 membros e por outro, os que superen este número. Consideraranse adultos os participantes de 14 anos en diante. Os disfraces que participen con vehículos o carrozas deben comunicalo na inscrición, non podendo superar os 9 metros de largo por 2,5 de ancho e 3,5 metros de alto.

 

Arquivado en