O Entroido de Vilagarcía pervive nas redes sociais coas 161 máscaras presentadas ao certame virtual

O Salnés
15 de febreiro 2021

O certame Virtual de Máscaras contou coa complicidade de moitas familias, que se sumaron á iniciativa colaborando cos seus fillos na confección deste típico elemento carnavalesco. A Concellería ten aberto ademais outro concurso de desfile polas redes sociais, no que os participantes deberán disfrazarse de choqueiro e colgar nas redes unha historia 

Concurso de máscaras da Concellería de Vilagarcía Concello de Vilagarcía

Co peche do prazo de presentación de traballos, ás 12 da noite do pasado domingo 14, tíñanse recibido 161 máscaras. Os traballos realizados pola mocidade do municipio xa se están difundindo a través da conta de Facebook do Concello de Vilagarcía. A creatividade destaca en máscaras tradicionais e sanitarias, así como en antefaces e elementos que combinan as tres modalidades

O certame Virtual de Máscaras convocado pola Concellería de Cultura para manter a chama do Entroido prendida tamén en tempos de pandemia, contou coa complicidade de moitas familias do municipio que se sumaron á iniciativa colaborando cos seus fillos na confección deste típico elemento carnavalesco.

Cada participante optou pola tipoloxía que máis lle gustou, por iso entre os traballos presentados hai máscaras que ocultan toda a cara, antefaces e tamén máscaras sanitarias. Incluso hai traballos máis novidosos que combinan antefaces con máscara sanitaria ou máscara de cara con máscara sanitaria. Todas elas destacan pola orixinalidade e creatividade amosada polos seus autores, e tamén polos seus gustos e preferencias. De feito, no mostrario atópanse dende antefaces e máscaras inspirados no Carnaval de Venecia, pasando polos que recrean a superheroes e seres monstruosos e ata animais.

Simplemente por ter participado e contribuír a manter o espírito do Entroido, pese as restricións sanitarias que este ano impiden festexalo na rúa e de xeito multitudinario, cada un dos autores das máscaras recibirán como agasallo un exemplar dunha edición especial do cómic dos Bolechas dedicado ao Entroido de Vilagarcía.

Os participantes poderán pasar polo Auditorio a recoller o seu libro entre o 18 de febreiro e o 30 de abril en horario de atención ao público, un prazo amplo para garantir que todos teñan tempo para levarse o agasallo e sen que se produzan aglomeracións.

Por outro lado, as persoas que se queiran disfrazar e queiran desfilar polas redes sociais para compartilo cos vilagarciáns, poden participar na Choqueirada Virtual que tamén convoca a Concellería de Cultura. Os únicos requisitos para participar son disfrazarse de choqueiro e colgar nas súas contas de Instagram unha historia, incluíndo nela a etiqueta @vilagarciaviva.

Poden subir tanto foto ou vídeo como gifs dos choqueiros. Posteriormente o Concello compartirá no seu perfil as historias de choqueiros máis divertidas ou orixinais, tendo sempre presente que só se admiten disfraces de choqueiro.