Obradoiros, concursos, bailes, parodias e desfiles, centran a programación do Entroido no municipio de Sanxenxo que empeza o sábado 22 de febreiro cunha festa con desfile e animación musical no Club de Xubilados de Portonovo, organizada pola Asociación Neen@s.
Os "Entroidiños", uns obradoiros de disfraces destinados a nenos de 3 a 12 anos, celebraranse o luns 24 no Usos Múltiples de Portonovo, o martes 25 no Pazo Emilia Pardo Bazán e o mércores 26 no Centro Cultural de Vilalonga. O horario será de 10.30 a 13.30 horas.
A Asociación Cultural San Caetano organiza unha festa en Arra o martes 25, a partir das 15.00 horas, con xogos, inchables, concurso, sorteos e música en directo.
O mércores 26 de febreiro terá lugar o desfile e concurso infantil de disfraces. Con saída ás 17.00 horas desde a Avenida Luís Rocafort, para concluír na Praza dos Barcos. Este mesmo día celébrase o Enterro da Sardiña, será ás 20.00 horas percorrendo as principais rúas de Portonovo para terminar no recinto portuario.
O venres 28 de febreiro, o colectivo veciñal Os Cabritos de Vilalonga serán os encargados de organizar o Enterro da Cabra, que terá lugar a partir das 20.30 horas na praza pública, percorrendo diferentes lugares da parroquia. Tamén este venres, a partir das 22.00 horas, celebrarase no Porto de Portonovo o Espectáculo de Parodias, con diferentes imitacións humorísticas e o monólogo de Baia Fernández.
O sábado 29 de febreiro será a Festa do Ghato, organizada pola Asociación Rúa dos viños de Portonovo con actividades e música durante todo o día.
Para o domingo 1 de marzo está previsto o desfile e concurso de adultos que partirá da Avenida Luís Rocafort ás 16.30 horas para percorrer o Paseo de Silgar, Punta Vicaño, a PO-309 e Rafael Picó, ata chegar ao recinto portuario, onde se concentrarán os participantes.
Finalmente, o sábado 14 de marzo, a Asociación Soalleira de Dorrón celebrará unha festa infantil de disfraces na Casa de Cultura.
Paz Lago, concelleira de cultura agradeceu a implicación dos diferentes colectivos de Sanxenxo no deseño e organización das actividades de Entroido que terán lugar nos próximos días e tamén animou a veciños e visitantes a participar.