Ponte Caldelas, ante o éxito do Entroido de verán do pasado ano, optou por desdobrar esta festa. Así, haberá unha festa baixo teito no inverno e o tradicional desfile na rúa será en xuño. Buscan así que as previsións meteorolóxicas non frustren as actividades previstas.
O Entroido de inverno, coa festa de disfraces para toda a familia, chegará o sábado 10 de febreiro no local da discoteca Reivy, a cuberto das posibles circunstancias meteorolóxicas.
Comezará ás 18.00 horas e contará coa actuación do grupo musical "3.com". O Concello pide que todos os asistentes acudan disfrazados e, ademais, recalca que haberá cotillón e moitas sorpresas.
O Entroido de verán terá como eixe central o desfile, que dará comezo ás 21.00 horas. Está fixado para o sábado 16 de xuño, pero en caso de choiva habería marxe para atrasalo á seguinte fin de semana. Terá o percorrido habitual con saída dende o paseo da Calzada e remate na contorna da Alameda.
Estase a traballar na posibilidade de incrementar os premios para grupos, comparsas, parellas e individuais, pero a principal novidade chegará coa introdución dun premio para a mellor "drag queen", co obxectivo de potenciar o espectáculo.
Ademais, o goberno local decidiu tamén crear un premio especial para o mellor disfraz entre o público, é dicir, entre as persoas que presencien o desfile, co obxectivo de incentivar o ambiente na rúa.
Ao remate, en torno á medianoite, dará comezo a gran verbena coa que se prolongará a festa ata que o corpo aguante. Tras un primeiro pase da orquestra entregaranse os premios aos gañadores das diferentes categorías no propio escenario.
O alcalde, Andrés Díaz, subliña que Ponte Caldelas atopou un formato idóneo para celebrar o Entroido, evitando as incomodidades meteorolóxicas que adoitan castigar esta festa e creando un evento que é quen de atraer a moitos visitantes.