Xa está aquí o Entroido de Poio. Tras sacudir as cinzas do ano pasado, os dous galos máis populares do municipio, o Galo Bruxo e o Galo Fodorico, reclaman o seu protagonismo e os seus respectivos enterros marcarán o inicio e o final dun entroido que, como vén sendo habitual, será o máis amplo de toda a comarca de Pontevedra.
Poio contará cunha "nutrida" programación, destacou o edil de Cultura e Festexos, Xosé Lois Martínez, que permitirá que o entroido se viva nas cinco parroquias do municipio durante todo un mes, do 9 de febreiro ao 10 de marzo.
Un obradoiro de máscaras (9 de febreiro, 17.30 horas) na biblioteca municipal servirá de arranque para un Entroido que, dous días despois, terá dúas das súas grandes citas. O domingo 11, ás 12.00 horas, o Galo Bruxo desfilará por Samieira desde o Camiño Real ata o campo de fútbol de Río de Bois. E a partir das 16.30 horas, será o gran desfile de entroido.
Tras chegar a un acordo con Tráfico, o desfile manterá o seu percorrido habitual. Sairá da Praza da Granxa de Campelo e concluirá na Seca, despois de entrar na PO-308 polo cruzamento da Seara. Iso si, o Concello terá que reforzar a seguridade. Estará "sumamente controlado", explican desde o goberno municipal.
Así, ademais de efectivos de Protección Civil e da Policía Local de Poio, dez operarios do Concello estarán ese día controlando que "todo vaia perfectamente", segundo sinalou Xosé Lois Martínez, tanto para os participantes no desfile como para os espectadores.
O Entroido de Poio continuará cun obradoiro de maquillaxe (martes 13, 17.30 horas) na biblioteca, cun baile infantil de disfraces (mércores 14, 17.00 horas) no local da comunidade de montes de Combarro, con outro baile infantil no local social de Campelo (sábado 17, 16.30 horas), e co baile de disfraces no centro cultural Xaime Illa de Raxó (domingo 18, 17.00 horas).
O sábado 24 haberá dobre cita coa Festa da Filloa en Combarro, a partir das 12.30 horas, e co enterro do Galo Bruxo que amenizará Samieira. O cortexo fúnebre sairá ás 20.30 horas de Arén e chegará ata o campo de fútbol de Río de Bois.
Os festexos chegarán á súa fin, sempre que a choiva non atrase algún dos eventos, o sábado 3 de marzo, ás 19.30 horas, co enterro do Berberecho en Lourido; e o sábado día 10, ás 20.00 horas, co enterro do Galo Fodorico na Praza de Arís, en San Xoán, onde tamén se desenvolverá a sexta edición da Festa do Choqueiro.
En total, o Concello de Poio destinará 24.000 euros para o Entroido, un diñeiro ao que se debe sumar as axudas que reciben as asociacións que organizan cada un dos eventos que forman parte desta ampla programación. Para premios destínanse 4.720 euros.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, agradeceu o traballo desinteresado das múltiples asociacións e comparsas que participan nesta festa e mostrouse contento de que, grazas á súa colaboración, póidanse manter a "esencia" desta tradición festiva en todo o municipio.