O Entroido de Poio bota a andar o domingo cun desfile coa inscrición aberta e operativo de tráfico especial

Poio
17 de febreiro 2023

O desfile durará entre as 17.00 horas e as 19.30 horas. Durante o tempo que dure, o tráfico permanecerá pechado na Praza da Granxa en Campelo, na rúa Beiramar, no Camiño do Castelo, na avenida de San Xoán (PO-308), na travesía da Seara e na explanada da Seca.Queda do prohibido estacionar en todo o percorrido 

Percorrido do desfile de Entroido de Poio Policía Local de Poio

Poio dá a benvida ao Entroido esta fin de semana. A primeira gran cita será o desfile previsto para as 17.00 horas deste domingo 19 de febreiro entre a praza da Granxa (Campelo) e a explanada da Seca.

Aquelas persoas que desexen participar nas categorías de Individual e parellas do concurso do desfile aínda poden participar. Poderán anotarse ‘in situ’ xusto antes do inicio do evento, entre as 15.30 e as 16.00 horas, de xeito presencial.

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, lembra que haberá categoría adulta (para maiores de 15 anos) e infantil (ata 14 anos). Ademais de individual e parella, tamén figuran a subcategoría de grupos e premios especiais para Choqueiros e Animación. Repartiranse máis de 6.500 euros en premios.

Durante os últimos días anotáronse varios grupos, tanto do propio municipio como outros concellos da provincia, e nalgúns casos están compostos por 50 persoas, segundo a información facilitada por Raquel Rodríguez.

 OPERATIVO DE TRÁFICO

O desfile durará entre as 17.00 horas e as 19.30 horas. Durante o tempo que dure, o tráfico permanecerá pechado na Praza da Granxa en Campelo, na rúa Beiramar, no Camiño do Castelo, na avenida de San Xoán (PO-308), na travesía da Seara e na explanada da Seca.

Tal e como informa a Policía Local de Poio, queda do prohibido estacionar en todo o percorrido e tamén na explanada da Seca, onde se fará a entrega de premios.

A Policía Local fixou unha alternativa de tráfico para os vehículos procedentes de Sanxenxo que circulan dirección Pontevedra. Vanse desviar dende a rotonda das Bardancas cara a V.G.4.8. 

Os vehículos procedentes de Pontevedra que circulan en dirección a Sanxenxo vanse desviar á altura do cruce da avenida de San Xoán coa rúa Cesteiro, desviando todo o tráfico pola EP 0603, (rúa Cesteiro, rúa Muiño e rúa Ordogomonte) ata a rotonda que conflúe coa EP-0017.

Os peches de rúas estarán debidamente sinalizados e na contorna da rúa Pedro Soto vaise habilitar unha zona de estacionamento disuasorio.