O Entroido de Marín saltará das rúas ás pantallas para adaptarse á situación sanitaria

Marín
16 de xaneiro 2021

As concelleiras Marián Sanmartín, Beatriz Rodríguez e Itziar Álvarez reuníronse este venres con representantes das principais asociacións que fan posible o Entroido na vila para artellar actividades alternativas aos festexos que habitualmente caracterizaban a estas datas e que non poderán ter lugar este ano.

Reunión coas asociacións para preparar o Entroido de Marín Concello de Marín

As concelleiras Beatriz Rodríguez, Itziar Álvarez e Marián Sanmartín mantiveron este venres unha reunión con representantes das asociacións que, segundo dixeron, "son as que manteñen vivo o noso Entroido", para abordar xunto a elas actividades alternativas coas que conmemorar estes días lonxe dos festexos multitudinarios que os caracterizaban.

Así, as edís do Goberno local trasladáronlle aos representantes das comparsas Os Da Caña e Os Paparrulos e das asociacións Ateneo Santa Cecilia e Amigos dos Rapaces a imposibilidade de realizar o Entroido como todos os anos e propuxeron a alternativa de gravar unha serie de vídeos cos que trasladar a festa do Entroido das rúas ás pantallas, poñendo en valor todas as citas de ocio e de cultura que marcan habitualmente estes días na nosa vila: a Festa do Merengue, a festa infantil, o Concurso de Filloas e Ourellas, o Bolo do Pote...

Ademais, o obxectivo é poder crear exposicións físicas que lembren o tempo de Entroido e que poden ser visitadas cumprindo con todas as medidas de prevención, hixiene e control da pandemia.

Por unha banda, co Ateneo Santa Cecilia, impulsarase un pequeno velorio da sardiña, unha das cuestións máis signficativas do Entroido de Marín, no Multiusos da Praza de Abastos. "Está sobre a mesa que ese velorio poida extenderse a unha pequena mostra na contorna do Mercado, que irá apoiada tamén pola colocación das típicas banderolas do Enterro", aseguraron as concelleiras.

Ademais, a entidade cultural, tal e como adiantaron na reunión, organizará un concurso de debuxo para escolares sobre o Enterro da Sardiña. 

No que respecta ás comparsas, realizarán unha exposición dos seus traxes máis emblemáticos no Museo Manuel Torres. Ademais, haberá unha mención especial para ambas pola súa longuísima traxectoria, xa que este ano Os da Caña cumpren o seu 30 aniversario, unha data significativa que Os Paparrulos tamén celebraron no 2020. Tamén se procurará contar con outras comparsas que participaron do Entroido de Marín noutras épocas, aínda que agora non estean activas. Nos vídeos mencionados anteriormente, poderá contase coas batukadas destas comparsas, para que poidan realizar algún tipo de actuación musical.

A asociación Amigos dos Rapaces tamén recuperará a súa Festa do Merengue dun xeito dixital e alternativo, con decoración na praza o mesmo día e sobre todo coa súa inserción nunha das pezas audiovisuais que se realizarán. Segundo comentou a súa representante na reunión, tamén valorarán a posibilidade de crear unha escolma de fotos doutros anos que colgarán nas redes sociais.